Site icon Crónica3.com A Mariña

O GMP asegura que “o concello paga porque os ingresos se están comportando ben e porque tén que pagar”

Burela, a 3 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal Popular de Burela asegurou este mércores que “o concello non fai nada do outro mundo pagando ós proveedores dentro do prazo que marca a lei, fai o que debe; e se o fai, é porque se están cumprindo as previsións de ingresos que fixou o goberno do PP para os presupostos de 2015, que son os que están en vigor, ó seren prorrogados ante a incapacidade do goberno socialista de presentar os de 2016”.

Os populares indican que “ese bo comportamento dos ingresos trae consigo que haxa liquidez, anque xa se notan tendencias á hora de marcar preferencias no gasto por parte do actual alcalde: priman as festas, e recórtanse ós cursos das mulleres, por exemplo. De feito, xa son bastantes as facturas rexistradas no Concello que teñen que ver con actividades festivas”.

Desde o GMP afirman que “a situación económica do Concello que os socialistas atoparon hai oito meses é infinitamente mellor ca que atopou o PP en 2011. Agora o goberno socialista non terá que pedir ningún crédito para pagar facturas que quedaran en caixóns. Daquela, en 2011, o PP atopouse un millón trescentos mil euros en facturas sen consignación e sen cartos, e houbo que pedir un crédito de un millón cen mil euros. A diferenza está á vista”.

Así mesmo, indican que “o alcalde volve outra vez a mentir co asunto do posto de intervención: cando tomou posesión hai oito meses, había dez días que acababa de irse a interventora a través dun concurso de traslados. E este alcalde, coa lingua tan áxil para mentir pero tan lento na xestión, tardou dous meses en incorporar unha persoa para cubrir ese posto”.

Por último, o GMP “vai estar moi pendente da xestión económica: como este alcalde é o mesmo que empufou ó Concello en 2011 e o deixou moi tocado na súa situación económica, por suposto que non nos fiamos del, e moito nos tememos que volverá ás andadas, estirando o pé máis que dá a manta, ou sexa, gastando máis do que se ingresa, xa que síntomas que así o indican xa hai”.

Exit mobile version