Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal do PP de Muras solicita ao Concello que dea incentivos económicos ás familias para o fomento da natalidade

Muras, 22 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Muras rexistrou unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria local a través da que solicita que o Concello aprobe incentivos económicos para as familias do municipio co obxecto de fomentar a natalidade nunha localidade “fortemente castigada polo despoboamento e o envellecemento dos seus veciños”. O voceiro dos populares, José Danilo Requeijo, resalta a importancia de que se promovan iniciativas dende a política municipal para “dinamizar a poboación en Muras”.

En concreto, a moción presentada polos populares solicita a posta en marcha de dúas liñas de axuda diferenciadas. Por un lado, dende o Grupo Municipal do Partido Popular piden que o Concello estableza unha achega económica de 1.000 euros para aquelas familias con nenos/as que nazan e se empadroen na localidade “co fin de colaborar cos gastos derivados da maternidade e da paternidade”, explica Danilo. O voceiro engade que para cobrar a referida axuda “é preciso que, polo menos, un dos proxenitores estea empadroado no censo do Concello dous anos antes de solicitala, así como tamén un ano despois, senón deberán devolver o importe recibido”.

Por outro lado, os populares tamén solicitan a apertura dunha liña de axudas para pais con menores, empadroados no municipio, de entre 3 e 12 anos ao seu cargo. En concreto, refiren a unha achega económica de 700 euros para os que estuden no CEIP Antía Cal Vázquez; a outra de 400 euros para aqueles que cursen os seus estudos noutros centros. Tamén piden unha achega de 500 euros para as familias que teñan fillos/as ao seu cargo de entre 13 e 16 anos, empadroados no municipio, e que cursen a ESO. Ao igual que para a primeira liña de axudas, un dos proxenitores e o menor debe estar empadroado en Muras dende hai dous anos, e deben permanecer na localidade un ano, unha vez percibida a axuda.

Por último, o voceiro dos populares locais asegura que esta moción débese a que un dos principios reitores de actuación dos poderes públicos “debe ser o apoio e a protección da familia. As previsión dun continuado decrecemento poboacional sinalan un horizonte demográfico preocupante que nos sitúa ante un problema estrutural sobre o que é preciso actuar e deste xeito pretendemos facer do Concello de Muras unha administración más sensible ás necesidades das familias”.

Estas axudas serán compatibles e complementarias con outros apoios económicos que xa teñen en marcha outras administracións como é o caso da Xunta de Galicia.

Exit mobile version