A Comisión de Avaliación Nacional do Premio á Acción Maxistral 2015, convocada pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO e o BBVA, seleccionou finalista autonómico da súa undécima edición a un proxecto educativo do IES Perdouro de Burela na categoría B correspondente ao Ensino Secundario Obrigatorio e Bacharelato.
O proxecto chamado “Proxecto Neo” centrase na elaboración dun plan de atención específica para a integración do alumnado inmigrante e pretende ademáis reforzar a socialización de persoas en risco de exclusión, fomentar a interculturalidade nos medios de comunicación, concretamente na emisora local “Radio Burela”.
Nesta undécima edición do premio, presentáronse 534 proxectos de profesores e centros escolares de toda España, 39 de Galicia e entre os 7 finalistas autonómicos de Galicia, está o IES Perdouro de Burela.
“O feito de conseguir estar entre os finalistas nun concurso deste tipo para o IES Perdouro, é moi satisfactorio. É un recoñecemento ao traballo desenvolvido por un equipo de docentes en prol da integración e interculturalidade, un traballo as veces ardúo que levamos facendo dende hai varios anos. ” indicou Karina Parga, Vicedirectora do centro burelés. “Este diploma chega no momento en que o noso programa de radio educativa alcanzará mañá as 150 emisións. Proxecto Neo faise ao vivo e en directo todos o mércores de 17h a 18h na emisora do corazón da Mariña, Radio Burela.” explica Mª José Andión, xefa de estudo do Perdouro.