Site icon Crónica3.com A Mariña

O INEGA achega ao tecido empresarial lucense as liñas de apoio para impulsar a eficiencia enerxética como clave de mellora competitiva

Lugo, 3 de febreiro de 2016.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activado neste comezo de ano máis de 15 millóns de euros para impulsar o aforro e a eficiencia enerxética e o emprego de fontes renovables no tecido empresarial. Neste marco, técnicos do Inega achegaron este mércores a empresas e emprendedores da provincia de Lugo, nun encontro mantido na sede da CEL, as diferentes liñas postas á disposición do empresariado neste campo co obxectivo de mellorar a súa competitividade.

Así, as pemes lucenses poden recorrer á liña de aforro e eficiencia enerxética, aberta ata o vindeiro 29 de febreiro e que este ano multiplica por seis o seu orzamento ata superar os 9,5 millóns. Este programa permitiu o ano pasado impulsar máis de 40 proxectos na provincia que están a mobilizar arredor de 1,5 millóns en actuacións orientadas á implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial, na liña da fábrica intelixente pola que está a aposta o Goberno galego a través da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0.

Ademais, apóianse proxectos centrados na mellora dos equipamentos consumidores de enerxía do proceso produtivo; a implantación de luminarias máis eficientes; a renovación dos equipos de produción de calor ou frío; a instalación de sistemas de aproveitamento de enerxías renovables; ou a realización de auditorías enerxéticas.

Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberto unha nova convocatoria da orde para a implantación de caldeiras de biomasa, destinando preto de 3 millóns de euros ás empresas interesadas na implantación duns equipos capaces de xerar aforros de ata o 70% con respecto a outras fontes convencionais.

A liña, que ten beneficiado xa a medio centenar de pemes lucenses, intégrase na Estratexia de Impulso da Biomasa Forestal que está a desenvolver a Xunta e na que a provincia de Lugo xoga un papel moi importante ao contar coa maior superficie arborada de Galicia. Unha aposta pola biomasa que se complementa coa orde para o fomento doutras fontes renovables como a xeotermia, a solar térmica ou a aerotermia, e que tamén ten á súa disposición o empresariado lucense ata o vindeiro 15 de febreiro.

Todos estes programas que o Inega achega ao empresariado de Lugo permitiron desenvolver o ano pasado máis dun centenar de actuacións na provincia, mobilizando máis de 3 millóns de euros e contribuíndo á xeración de riqueza e emprego.

Exit mobile version