Site icon Crónica3.com A Mariña

O líder da LNB na conferencia Norleste, Regueiro, confirma a súa hexemonía gañando en Meira

lnb-meiraA choiva estragaba a oportunidade de xogar no céspede do parque e obrigaba a mudar para o pavillón de deportes de Meira a 7º xornada da LNB da conferencia Norleste disputada o domingo 31 de xaneiro.

Recor de participantes no que vai de tempada cuns 60 palanadores loitando deportivamente por acadar un dos tres primeiros postos que daban dereito a recoller os saborosos agasallos de “marisco de cortello”: o habitual Lacón, que da nome ao aberto e vai para o peto do campión da xornada, e logo a cachola, chourizos, androia e botelo para o resto dos afortunados da tarde.

Cun ambiente festeiro, o recinto foi enchéndose de palanadores que mentres se facía o sorteo, probaban e poñían a punto os trebellos e un irregular paraugas de billardas fungantes ían e viñan dun lado a outro do pavillón.

Comezou a xornada e tamén as sorpresas en forma de varados, o esbaradizo chan do pavillón resultou un bo aliado para os tiros directos que foron agromando como fungos. Pola contra, un so erro era dabondo para non acadar unha boa puntuación ou, aínda peor, para quedar sen puntos na carreira.

Ismael foi xa na primeira rolda da tarde quen abriu unha conta que foi medrando co paso das carreiras. En total foron 32 varados os acadados en Meira, con Tonecho en plan figura e 3 dianas na súa conta particular.

Rematou a xornada con Regueiro aínda máis líder. Foi o campión da xornada con 22 puntos e 2 varados. De seguir nesta liña, non será doado darlle caza. Óscar de Tropa Lixeira encargouse de entregarlle o merecido lacón do primeiro premio.

Destacada aportación de Xermán con 21 puntos, sen facer moito ruído, ven mantendo unha regularidade que o aúpa ao quinto posto na xeral e en Meira lle permite acadar o segundo posto e gañador da cachucha.

Tamén moi boa tarde a de Geni, que acadou o terceiro posto con 20 puntos e 2 varados. Domina con diferenza a clasificación en donas e a estas alturas parece que ninguén lle fai sombra para conseguir o campionato. Seu foi o premio dunha ristra de chourizos.

En equipos, aínda que non foi unha das súas mellores tardes, os Billardeiros Musicais impuxéronse, cos de O Cadaval moi perto e sempre agardando para tomar o relevo. Unha ristra de chourizos e un botelo foi o premio para os mariñáns.

O vindeiro encontro de Liga será o 6 de marzo en Mondoñedo. Mentres, teremos nova cita no Pazo de Feiras e Congresos de lugo o día 20 co gallo das festas da Candeloria e o 5 de marzo o abertiño de San Rosendo en San Miguel.

As clasificacións logo desta sexta xornada quedan así:

Individual: Regueiro 139 p., Pepe Outeiro 127 p., Manolo Pozo 126 p., Daniel 120 p., e Xermán 116 p.

Donas: Geni 99 p., Lola Eiras 52 p. e Paula 48 p.

Varados: Con 3 varados Tonecho, con 2 Chousa, Geni, Luis Saavedra,Markytos, Oscar, Pepe Outeiro, Regueiro e Santi.

Equipos: Billardeiros Musicais 525 p., O Cadaval 447 p., Troitas Bravas 381 p.

Exit mobile version