Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento aproba a proposta do Grupo Popular para a posta en marcha dun programa de mercados no Camiño

Santiago, 10 de febreiro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou este mércores a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a por en marcha un Programa de Mercados no Camiño que sexa capaz de aproveitar as oportunidades que a Ruta Xacobea pode xerar para os pequenos produtores e os comerciantes das prazas de abastos e mercados dos concellos polos que transcorre.

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Romero, lamentou que “a oposición, co seu voto en contra, amosa o seu desinterese por un sector tan importante para a economía galega como é o pequeno comercio local”. Porén, indicou que con esta iniciativa pretendemos “non só contribuír a dinamizar as prazas de abastos, senón tamén dar a coñecer os produtos e a gastronomía de Galicia”. Neste sentido, lembrou que a gastronomía “é o segundo motivo polo que os turistas nos elixen como destino, cun gasto medio por persoa que supera os 1.125 euros dun turista normal”.

Ademais, Romero considerou necesario “ofrecer aos peregrinos servizos que complementan a súa experiencia no Camiño de Santiago, creando vínculos entre o peregrino e os produtos locais galegos”. Deste xeito, apuntou medidas como informar nos mercados sobre os mellores produtos locais; comercializando produtos especialmente deseñados para os peregrinos pola súa cantidade, peso ou valor enerxético; e creando un merchandising ou packaging que relacione o Camiño coas prazas de abasto e mercados e o produto galego de calidade.

Aproveitar as sinerxias
“Aproveitar as sinerxias que xera a importante chegada de peregrinos e de turistas, tanto nacionais como internacionais, resulta imprescindible para os nosos sectores económicos, en xeral, e para o noso comercio local, en particular”, apuntou o viceportavoz popular. Neste sentido, subliñou que “moitos núcleos rurais e moitos concellos polos que transcorre o Camiño benefícianse directa ou indirectamente do seu impacto en aspectos como a fixación de poboación, creación de novas empresas, xeración de postos de traballo ou crecemento de sectores produtivos”.

Cristina Romero afirmou que as prazas de abastos ocupan un lugar destacado como motores para dinamizar o comercio de proximidade. “Valores como a calidade, proximidade e atención ao cliente, así como a profesionalidade dos praceiros e praceiras, fan das nosas prazas de abastos unha canle eficaz de comercialización e o mellor escaparate do produto galego de calidade”, sinalou.

Exit mobile version