Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa ao Goberno local de privar a Ribadeo dunha residencia pública e xestionada polo Concello

Ribadeo, 1 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Ribadeo acusa ao Goberno local de privar á localidade dunha residencia pública e xestionada polo Concello. Os populares presentaron unha moción ao Pleno do pasado venres na que solicitaban que o Concello garantira que a futura residencia para persoas maiores sexa xestionada pola administración local, salvagardando o seu carácter público.

Os populares pedían ademais que o equipo de Goberno remitira á maior brevidade posible os informes que reclama a administración autonómica para poder asinar o convenio de colaboración económica proposto pola Xunta e, en particular, os informes de viabilidade e non duplicidade previsto na lexislación vixente.

O voceiro dos populares, Jesús López Penabad, lamenta o voto en contra do BNG, o que vén a demostrar que só buscan un servizo privatizado que suporá prazas e prezos inasumibles pola maioría dos veciños e familias de Ribadeo. “O que fixo o Señor Suárez é renunciar a que a residencia sexa pública e municipal, unha decisión que terá que explicarlles aos veciños e veciñas de Ribadeo”, expón.

A Xunta mantén o seu compromiso
O Grupo Municipal do PP recorda que a administración autonómica mantén, ratificado en sede parlamentaria, a súa oferta de colaboración económica e sinala que estaría disposta a achegar os cartos comprometidos a pesar de que o bloqueo do alcalde fixo que se superasen as anualidades previstas nun inicio.

Os populares pregúntanse se a negativa a elaborar os informes e o voto en contra do equipo de Goberno ten por obxecto agocharlle aos veciños aspectos claves como quen vai xestionar a futura residencia, se o Concello ten capacidade para afrontar o servizo ou se a única alternativa é a privatización. “No pasado Pleno renunciaron ao seu carácter público, terán que explicar o que ocultan para tomar esta determinación”, conclúe Penabad.

Exit mobile version