Lugo, 19 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular na provincia de Lugo e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anuncia este venres a incorporación do presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE Lugo), Juan Manuel López Labrada, ao seu proxecto político, ao que integrará na súa executiva de ser a candidatura que encabeza a elixida no congreso do próximo seis de marzo.
Con esta nova integración, a candidatura de Candia e Ramón Carballo continúa a sumar apoios en novos sectores xa que “é de vital importancia contar con xente preparada nos distintos ámbitos, para desenvolver un proxecto integrador que atenda ás demandas de todas as áreas”, explica a popular, quen engade que Juan Manuel López Labrada reforzará a área de emprego e de fomento do espírito emprendedor.
Neste senso, a ex presidenta da Deputación quixo agradecer a implicación deste enxeñeiro industrial e a súa integración nun proxecto “centrado na militancia e no que contará cunha forte presenza a xuventude e dentro da que o presidente de AJE Lugo supón un forte aliciente para o fomento da iniciativa emprendedora entre os máis mozos”, explica Candia.
Perfil
Juan Manuel López Labrada é enxeñeiro industrial pola Universidade Europea de Madrid, con tese doctoral en elaboración en loxística do automóbil, ten experiencia laboral en administración, dirección de empresas, comercial e xerencia; ademais de no ámbito docente. Dende 2014 é presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE Lugo) e vicepresidente da Federación Gallega de Jóvenes Empresarios de Galicia (Fegaxe-AJE GALICIA), ademais de membro da mesa de comercio do Concello de Lugo. Tamén é vogal primeiro da Comisión de Industria e Enerxía da Confederación Española de Organizacións Empresarias (CEOE) en representación da Confederación Española de Jóvenes Empresarios (CEAJE).