Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE denuncia que a Xunta confirma ter “todo por facer” no dragado dos portos de Celeiro e Viveiro

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2016.- O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, vén de recibir resposta escrita do Goberno galego na que confirma que aínda ten “todo por facer” en canto ao inicio do dragado dos portos de Celeiro e Viveiro.

O responsable socialista presentou unha pregunta escrita sobre estas actuacións que este martes responde a Xunta de Galicia confirmando que o único que se ten avanzado é a caracterización dos materiais a dragar en ambas dársenas.

Esta resposta, sinala Val, pon de manifesto que aínda está pendente a definición do punto de vertido e, a partires de aí, o inicio dun longo percorrido na recollida de informes das distintas administracións competentes na materia, como son Patrimonio, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, a Secretaría Xeral de Pesca, a Dirección Xeral de Costas, a Secretaría Xeral de Calidade de Avaliación Ambiental ou a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Aínda despois de todos estes trámites, lembra, “si os informes son favorables, resta recoller o permiso da Capitanía Marítima para iniciar a fase de redacción e adxudicación do proxecto”.

O deputado mariñán cualifica así de “escapista político” ao presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, por manter “completamente abandonados aos portos da Mariña Luguesa, a pesares de que tanto Celeiro como Burela son un referente en volume de descarga e vendas de pesca fresca”.

Val Alonso insta ao responsable de Portos de Galicia a “deixar de redactar artigos de opinión dirixidos a salvar a cara diante da nefasta xestión do ente público que representa cos portos da Mariña”.

Exit mobile version