Site icon Crónica3.com A Mariña

O temporal deixou danos en Burela no paseo marítimo da Marosa, na praia de Ril e tamén no Cantiño

090216 Foto temporal Burela 1Burela, 9 de febreiro de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, asegura que os danos ocasionados polo temporal no paseo marítimo “foron mínimos comparado co ocorrido outros anos e diante das olas de máis de oito metros que se rexistraron na xornada de onte”.

Alfredo Llano detalla que “eses danos afectaron a parte dun muro nas inmediacións dun dos aparcadoiros da praia da Marosa, houbo tamén pequenos destrozos na praia de Ril e o temporal arrincou ademais algunha papeleira en O Cantiño”.

O alcalde burelés engade que “nese punto do muro do paseo marítimo preto do aparcadoiro da praia da Marosa cada vez que hai temporal forte rompe, polo que falaremos con Costas para ver a posibilidade de poñer outro tipo de construción máis resistente”.

O Concello cercou onte algunhas zonas nos paseos marítimos para evitar que “a xente se achegara excesivamente ao litoral”. Alfredo Llano entende que “a curiosidade chama porque é un espectáculo ver esas olas, pero tamén trae consigo un perigo moi forte que ás veces chega de imprevisto e colle á xente que cree que está segura pero non o está”. O alcalde burelés engade que “hai que ter moito coidado porque hai certos puntos onde nunca rompía o mar, pero aparecen olas con moita potencia”.

Alfredo Llano e outros membros do equipo de goberno percorreron este luns e martes o litoral burelés para coñecer de primeira man os danos ocasionados por este forte temporal do mar.

Exit mobile version