Lugo, 29 de febreiro de 2016.- A Xunta de Galicia mobilizou durante a fin de semana o operativo de vialidade invernal para garantir a circulación nas estradas da rede autonómica da provincia, actuando en máis de medio cento de tramos afectadas pola neve e o xeo.
Durante este período 16 camións retiraron a neve da calzada e estenderon sobre as estradas afectadas máis de 500 toneladas de sal e 150.000 litros de salmoira.
Os tramos máis afectados na zona norte foron os portos da Baqueriza, A Fontaneira e O Cerredo, na LU-530; os da Gañidora (LU-540), O Acebo (LU-701), o alto do Couso (LU-751) a estrada LU-701 na Fonsagrada.
Na zona sur resultaron afectados os portos do Cebreiro, San Roque e Poio, na LU-633, así como O Viduedo, na mesma vía. Igualmente rexistráronse problemas por neve ou xeo nos altos do Portelo (LU-723), e O Boi (LU-651), ou no alto do Faro, no corredor de Chantada, e no Oural, no corredor Lugo-Monforte.
A primeira hora da mañá deste luns as estradas da rede autonómica non presentaban incidencias, se ben continúa o operativo con tratamentos preventivos, estendendo fundentes para evitar problemas de circulación.
Igualmente, o transporte escolar funcionou este luns con normalidade en toda a provincia.