Site icon Crónica3.com A Mariña

Os centros sociocomunitarios da Xunta na comarca ofertan unha vintena de actividades no primeiro semestre do 2016

Lugo, 3 de febreiro de 2016.- Os catro centros sociocomunitarios dependentes da Consellería de Política Social na provincia de Lugo ofertan máis de medio centenar de actividades para o primeiro semestre do ano. Entre a programación, da que poderían beneficiarse máis de mil usuarios, figuran diversos obradoiros, actividades deportivas e iniciativas orientadas ao lecer e ao adestramento mental das persoas maiores.

O prazo de inscrición permanece aberto para a maioría dos cursos e os interesados en matricularse poden solicitar información nos propios centros que a Xunta ten en Vilalba, Lugo, Ribadeo e Mondoñedo.

No centro sociocomunitario da capital lucense, situado no barrio da Milagrosa, estanse a ofrecer clases de risoterapia, inglés, manualidades, taichi e ritmo. Tamén o espazo cívico de Vilalba está a desenvolver diversas actividades, entre as que se atopan as orientadas ao Entroido, clases de taichi e de mellora da memoria. Así mesmo, a Xefatura Territorial de Política Social está a colaborar coas iniciativas que as corais Xolda e Luar levan a cabo nos centros de Lugo e Vilalba respectivamente.

Pola súa parte, o centro sociocomunitario de Ribadeo imparte dous cursos de talleres de técnicas múltiples e un curso de bailes de salón en colaboración coa asociación de amas de casa da localidade. Outras actividades ofertadas polo espazo ribadense son os cursos de ximnasia de mantemento e de adestramento da memoria, que organiza a Cruz Vermella; clases de ximnasia adaptada a persoas maiores organizadas por Cogami; e máis un taller de patchwork e un curso de informática de nivel avanzado.

Tamén en Mondoñedo se están a ofrecer clases de diversas actividades deportivas, como zumba e pilates, e ximnasia de mantemento en colaboración coa asociación “Elixe tú”. Este centro desenvolve ademais un taller de memoria impartido polo persoal do Centro de Información á Muller do concello, e obradoiros de manualidades en pintura, e de palillo, gancho e bordado.

Por outra banda, e grazas a un convenio asinado coa fundación La Caixa, a partir deste mes poñeranse en marcha nos centros sociocomunitarios de Vilalba, Lugo e Mondoñedo diversas actividades de voluntariado, iniciación a internet, manexo de programas informáticos e exercitación mental. O prazo de inscrición permanece aberto tamén para estes cursos.

Exit mobile version