Site icon Crónica3.com A Mariña

Polo servizo de orientación laboral do Concello ribadense pasaron do 1 de setembro de 2015 ao 31 de xaneiro deste ano 362 persoas

Ribadeo, 12 de febreiro de 2016.- Desde o pasado 1 de setembro e ata o 31 de xaneiro deste ano pasaron polo servizo de orientación laboral do Concello 362 persoas. Ao mesmo acudiron residentes en Ribadeo, pero tamén procedentes de Barreiros, de Foz, de Trabada ou de Asturias. O Concello conta cunha bolsa de emprego con 521 currículos para facer fronte ás demandas que lles poidan facer chegar as empresas. Os datos deunos a coñecer na mañá deste venres a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez.

A edil nacionalista contou que “unha tempada máis o Concello de Ribadeo, como entidade colaboradora da Consellería de Economía, Emprego e Industria conta co servizo de Orientación Laboral, nas propias oficinas administrativas. Nesta nova tempada, que comezou o 1 de setembro de 2015, foron programados pola citada Consellería, ata o 31 de xaneiro pasado, un total de 277 usuarios e usuarias deste servizo. A maiores acudiron un total de 85 persoas solicitando os servizos profesionais dos técnicos fora da axenda. O que fai un total de 362 persoas vinculadas ao servizo de orientación laboral”.

Martínez explicou que “o concello tivo unha media no ano 2015 de 672 persoas desempregadas, segundo datos oficiais, pero debemos sinalar, que non só acoden ao servizo xente que reside en Ribadeo, se non que tamén o utilizaron persoas procedentes de Foz, Barreiros, Trabada e dalgún concello de Asturias”.

A concelleira de Desenvolvemento Local indicou que “o Concello de Ribadeo ten o firme propósito de axudar e acompañar a todas aquelas persoas que se atopan nun momento laboral delicado e que están a sufrir un proceso económico extremo en canto á súa vida profesional e social. Márcase como obxectivo clave nestes procesos de orientación o de contribuír ao desenvolvemento das capacidades de empregabilidade e de autonomía das persoas co fin de que melloren os seus pasos para conseguir emprego”.

Ana Martínez dixo que “os temas que se levan tratados, nas citas xa celebradas, son moi variados, e sempre pensando na futura inserción laboral da persoa que acode ao servizo e adaptándose ás verdadeiras necesidades dos demandantes, e que podemos resumir en: axuda á elaboración do currículo; inscrición na bolsa de emprego do Concello; información para a obtención dos respectivos certificados de profesionalidade; itinerarios persoais de inserción; axuda á preparación das entrevistas de traballo; técnicas e ferramentas na busca activa de emprego; información do comportamento do mercado de traballo a nivel comarcal; información para homologar estudos do estranxeiro; exames das competencias clave; atención a persoas de difícil inserción ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social; etc…”.

O servizo de orientación laboral conta, así mesmo, cunha bolsa de emprego con máis de 521currículos “para facer fronte ás demandas que, de diversas entidades e estamentos, nos solicitan para que lles seleccionemos a profesionais competentes á hora de desenvolver unha ocupación determinada. E que, de forma voluntaria, @s interesad@s poden remitir para a súa incorporación en dita bolsa”.

Todas aquelas persoas que desexen acudir a este servizo de orientación laboral, poden chamar ao teléfono 982 128 650, onde se lles asignará un día e unha hora para a súa cita, evitándose así demoras innecesarias, ou ben acudindo á oficina de emprego de Ribadeo, que lles indicará unha data determinada.

Mercadona
Ana Martínez desmentiu esta mañá unha nova que se fixo circular a través das redes sociais: “queremos aclarar que o Concello de Ribadeo, non se encarga da selección de persoal do supermercado Mercadona, que se vai a instalar proximamente. Desmentimos de forma categórica a información que circulou polas redes sociais e que afirmaba que aquelas persoas que desexaran incorporarse a dito supermercado deberían entregar o currículo no Concello de Ribadeo. Debemos manifestar que por parte deste Concello, nunca, repetimos, nunca, difundiríamos unha información falsa e que lle afectase de forma tan pouco respectuosa ao colectivo de desempregad@s da comarca. O que pedimos é que se lle teña o máximo de respecto cara o colectivo que está a sufrir de forma máis que significativa o embite da crise, e non se lles pretenda quitar a dignidade, que abofé, se merecen”.

Exit mobile version