No acto de presentación celebrado na tarde de onte no Parador de Ribadeo, Pablo Redondas, pai do actual xerente, Guillermo Redondas, lembrou que ao seu fillo “o único que lle pedín sempre foi que usara produtos naturais como me ensinaron a min e como eu lle ensinei a el; iso é elemental. Eu nunca usei un produto artificial.”
Pola súa banda Guillermo Redondas, xerente e propietario de La Alianza, manifestou que “como estamos acostumados de Mondoñedo a vender a torta de Mondoñedo e Ribadeo é un pobo turístico máis aínda que Mondoñedo pero non teñen un doce para levar de recordo ás familias e aos amigos un bo día ocorréusenos facer algo de Ribadeo.” Guillermo Redondas asegura que a receita “non ten ningún segredo: boa améndoa, azucre, auga, fariña, raiadura de limón e laranxa e ovos, mellor se son campeiros. O único que pretendemos é de paso que facemos a rosca damos a coñecer o nome de Ribadeo do que a xente pode presumir”. O xerente de La Alianza agradeceu a Juan Monteavaro a cesión da pintura que vai plasmada na caixa da Rosca e reflexa a Torre dos Moreno e o Pazo de Ibáñez.
Entre as autoridades asistentes á presentación da Rosca de Ribadeo, de Confitería La Alianza, estiveron ademais do alcalde, Fernando Suárez Barcia, concelleiros de Ribadeo e Mondoñedo. O rexedor municipal ribadense salientou que “esta iniciativa vai crear outras propias de aquí; tampouco existía o Ribadeo Indiano e agora xa é un referente aínda que leva só dous anos”. Suárez Barcia agradeceu á firma “grazas por vir a Ribadeo e pechar o ciclo, pois seguro iso nos vai vir ben”.
O acto foi presentado pola xornalista lucense María José Fernández Azpeitia.
Ao remate da presentación tivo lugar unha degustación da Rosca e outros produtos típicos de La Alianza.