Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias: “O proceso aberto, con independencia do resultado do congreso, marcará un antes e un despois na historia da nosa formación política”

Lugo, 20 de febreiro de 2016.- A candidata a presidir o Partido Popular de Lugo opina que o grado de implicación dos afiliados no proceso aberto na formación política é de tal “magnitude” que, independentemente do resultado do congreso extraordinario do vindeiro 6 de marzo, “non hai dúbida de que haberá un antes e un despois na historia do noso partido”.

“Moitos xa o tiñamos claro antes. Pero a militancia, que é a esencia e a forza do noso proxecto, amosou xa con rotundidade a súa opinión: queren que a súa voz sexa escoitada, considerada e teña repercusión en todas as decisión e ámbitos de actuación do partido. Pedímoslle participación neste proceso e, como sempre, a súa resposta foi inmediata e clara”, explica Arias. “O seu grado de implicación e poder de decisión non ten xa marcha atrás”, engade.

En este sentido, amosouse “convencida” de que o seu desexo de que este fora o último congreso provincial no que “cada militante non tivera un voto” convertirase en realidade “por imperativo dos afiliados”.

A candidata popular non dubida de que “este é un gran paso” para o Partido Popular de Lugo “que demos entre todos e do que todos debemos sentirnos orgullosos”. “Demostra que a posta en común de ideas enriquece e fortalece o proxecto. E o noso proxecto común é un Partido Popular de Lugo máis unido, máis vigoroso e solvente para afrontar os importantes retos que temos por diante”, asevera.

En opinión de Raquel Arias é “moi importate” que na elección de compromisarios que se celebrará o vindeiro luns en varias agrupacións locais os militantes participen na elección de compromisarios. “É un voto indirecto pero, neste momento, é o que temos. Ninguén debe renunciar a exercelo. E animo a que o fagan en conciencia e con responsabilidade”, engade.

Neste contexto, a candidata popular tamén fixo un chamamento aos responsables de “velar pola transparencia” do proceso, aos que recordou que “é a súa obriga” garantizar o segreto do voto e que este dereito se exerza en liberdade e igualdade.

Aposta polos mozos
Raquel Arias tamén reiterou este sábado a súa aposta porque os mozos teñan unha presencia máis “activa e comprometida” no organigrama da executiva provincial.

Durante unha xuntaza celebrada en Lugo con membros de Novas Xeracións trasladoulles a súa intención de darlle un papel preponderante na nova estructura da formación “porque sodes o futuro”.

A este respecto explicoulles que a renovación, entre outras moitas cousas, consiste en asegurar a continuidade e para lograr ese obxectivo, os mozos deben ter presencia en todas as áreas de actuación do partido.

Na súa opinión, deben servir tamén de ponte para conectar con outros mozos e, sobre todo, deben colaborar activamente na modulación da mensaxe, a linguaxe a empregar e as ideas do partido, que hai que dirixir non só aos seus compañeiros de xeración senón á sociedade no seu conxunto.

Exit mobile version