Site icon Crónica3.com A Mariña

Terra Branca presenta o seu ‘Bijoux Space’ para probar as creacións de Marga Robledo e Pilar Elvira

tbranca-bijouxspaceRibadeo, 8 de febreiro de 2016. Terra Branca presenta o seu Bijoux Space, con creacións de Marga Robledo e de Pilar Elvira. Trátase dun espazo máis íntimo para que o cliente se sinta cómodo á hora de probar ou elixir as pezas de artesanía, deseñadas en exclusiva para a galería ribadense.

O propietario de Terra Branca, José Ramón Leal, conta que “en vista do interese que suscitaron durante este ano as coleccións de complementos creadas polos artistas asturianos Marga Robledo (firma creada polos irmáns Marga e Luís Robledo) e pola madrileña afincada en Ribadeo desde fai anos Pilar Felipe, na galería Terra Branca xurdiu a necesidade de crear un espazo máis íntimo en que o cliente se sinta cómodo e arroupado á hora de probarse ou elixir as pezas de artesanía, creadas en exclusiva para a galería”.

Leal destaca que “os artistas que presentan as súas obras en Terra Branca teñen algo en común: todos son grandes creadores, aínda que traballen con diferentes elementos. As pezas que se venden en Terra Branca son únicas e irrepetibles. Nesta nova proposta da galería tanto Marga Robledo como Pilar Elvira están en sintonía co resto dos artistas da sala”.

O dono e alma máter de Terra Branca explica que “Marga Robledo traballa o esmalte ao lume, decorando as súas pezas con cristais checos, ágatas, perlas de río, prata ou metais como o zamac, nunha liña de complementos que vai desde os colares, pulseiras e ata bolsos de coiro. A personalidade de Robledo queda patente en cada unha das súas creacións. Robledo é tamén a autora do simpático broche Rapaciña, que é un auténtico top vendas en Terra Branca. Pola súa banda, Pilar Elvira é a propietaria da firma de complementos Maravalla e traballa con prata e arxila polimérica, este último un elemento no que ela se sente especialmente cómoda á hora de expresar o seu talento. As pezas de Pilar son ricas en cromatismo e están pensadas para a muller do século XXI. Pilar presenta en Terra Branca coleccións que evocan a súa admiración por Gaudí, creando un complexo efecto de vidriera nas súas rechamantes pezas: pulseiras, colares, pendentes, aneis, etc”.

José Ramón Leal sinala que “os prezos do Bijoux Space son tamén moi do século XXI, razoables e proporcionados á dificultade de cada unha das súas exquisitas pezas”. E engade: “San Valentín é un bo momento para achegarse por Terra Branca e así coñecer o noso novo espazo, o noso Bijoux Space. En Terra Branca rendémonos ao amor, quixémolo deixar patente no noso escaparate e tamén convocando o noso segundo concurso de cartas de amor, que recordamos está aberto ata o próximo 14 de febreiro”.

http://www.galeriaterrabranca.com/bijoux-space.html

Exit mobile version