Site icon Crónica3.com A Mariña

Ugia Pedreira ofrece en Rinlo un curso de pandeireta “non convencional”

Ugia Pedreira guiará na Mariña un curso de pandeireta “non convencional” dirixido tanto a iniciad@s coma experimentad@s e complementario ás aulas tradicionais individuais, escolas de música e grupos folclóricos.

O curso desenvolverase na Escola Vella de Rinlo (local social da Asociación de de Veciños O Cantal) os xoves a partir das 20.00 horas. O curso ten previso botar a andar o 11 de febreiro. @s interesad@s poden informase a través do teléfono 648 944 701 ou do enderezo electrónico ugia@folque.com.

Trátase dun espazo “para botar fóra a túa creatividade sonora a través da pandeireta e a voz” a través de:

– Improvisación sonora en xeral: vocal e percutiva, de melodías, letras, expresión.

– Reelaboración comunal das cantigas segundo o parecer do grupo.

– Creación de cancións novas a partir de formas galego-portuguesas (pero non só).

– Aprendizaxe de ritmos básicos da música tradicional galega.

– Cantigas de acompañamento para pandeireta da música tradicional galega.

– Atencionalidade da técnica vocal e da consciencia emocional, ao relacionamento que promove facer música con outr@s.

“Por petición popular de certas mulleres da zona mariñá volto a coller a pandeireta e adaptala ás miñas ideas e situación persoal, seguindo o camiño da obra musical que en última análise é o da miña vida á beira deste mar.

Comecei de maneira autodidata na adolescencia con este instrumento, cando aínda as pandeiretas tiñan sabor e son da pel do artesán de S. Lourenzo en Compostela. Alí aprendín con Felisa Segade na Asociación Brincadeira. Unha profesora de luxo boa coñecedora dos cantares de Aldea Galega e, sobre todo, unha boa intérprete de tímbrica xenéticamente orixinal.

O meu leit motivo é a busca da creación, construír cantigas sexa cunha pandeireta ou pedra. Por iso deixei a Asociación Brincadeira e comecei a adaptar o instrumento á miña forma de pensar.

Na época de Chouteria din aulas do Burgo das Nacións, tamén na Asociación Gomes Mouro de Ourense, ondenos espandimos en lindas jam-sesións, en Celeiro de Viveiro, nos Amigos da Gaita en Ribadeo, en S. Miguel de Reinante na As. F. O Arco da Velha onde din aulas a meninas pequenas. Depois continuei de forma máis explícita no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín onde teño vivido as mellores jam-sesións da miña vida por ser libres.

Actualmente interésame, estudo e pesquiso sobre: ​​a psicoloxía da voz, a prosódia do cantor-a, as entrañas do cantar o mapa emocional desta arte, o movemento e a voz como UM todo, a improvisación vocal ou instrumental, os nove esenciais de Anat Baniel como pequena alumna que son deles para trasladar á aprendizaxe do instrumento voz-pandeireta.

Un repertorio tan rico carregado de estratos xeolóxicos como o galego dá para aprender moito dunha mesma e en comunidade. A este nivel artístico nada parece intocável e aprendín que aprender baseáse fundamentalmente na variación para unha mellora da plasticidade cerebral. Por iso, impulso este curso a petición (curso, atelier, jam) para variar e continuar a investigar coa música que constantemente me salva. Variar, deixarse levar polo sistema parasimpático, esquecer as “boas maneiras”, as frías aptitudes de compostura vocal-instrumental, evadirnos un pouco do control e do palco convencional (necesario tamén). Artistas somos tod@s e os palcos están no día a día, horizontalmente. Acho cun sorriso ilusionante e así encaro esta proposición”.

Exit mobile version