Site icon Crónica3.com A Mariña

Vivenda digna e protección do galego, propostas do Goberno Provincial para o Pleno

veiga-santosO voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, e o Vicepresidente, como voceiro do BNG, Antonio Veiga, informaron sobre as propostas que o equipo de goberno levará ao Pleno de mañá para garantir o dereito á vivenda digna como ben social, e para facer cumprir a Carta Europea das Linguas Rexionais Minoritarias, en relación á protección do galego. Tamén se presentará a modificación da Relación de Postos de Traballo do organismo provincial, apoiada maioritariamente polos representantes sindicais.

1. Vivenda Digna: Santos Ramos explicou que, segundo os últimos datos oficiais, en España había, á finais do 2015, preto de 600.000 vivendas de nova construción non vendidas, das que un 30% son de moi difícil venda pola súa localización. “É vergonzoso que en España, tendo en conta a cantidade de casas baleiras, se estime que hai preto de 40.000 persoas sen fogar e que máis un millón e medio de familias estean a vivir en lugares que non reúnen as condicións mínimas de habitabilidade requirida”.

O voceiro subliñou que a Xunta de Galicia vén de aprobar un decreto para rexistrar as vivendas baleiras que teñen os bancos na nosa comunidade, “rexistro que só servirá para as cidades e municipio que superen os 10.000 habitantes, o que deixa á de Lugo, debido a grande dispersión da poboación, sen datos reais, xa que a maioría dos nosos Concellos non superan esa cifra. A provincia de Lugo de novo discriminada polo PP”.

No tocante ao acordo da Xunta coa SAREB para a cesión de vivendas, Santos Ramos criticou “o carácter escurantista do convenio, pois o executivo galego decidiu non dar copia de este acordo” e criticou “a ineficacia do mesmo, pois cederon pouco máis de 150 vivendas; cando, no tempo que levamos con Feijóo, executáronse case 20.000 desafiuzamentos”.

“Segundo o último informe TINSA, do total de vivendas construídas en Lugo dende o 2008, preto do 30% están baleiras, situando á provincia no posto número 11 do ránking das 50 de todo o Estado. O que non se entende entón é que habendo tal cantidade de pisos libres, en Galicia haxa preto de 15.000 persoas inscritas como demandantes de vivenda, das que o 11% se corresponden con Lugo. Esta é a protección e a defensa dos dereitos que fai Feijóo”, sentenciou o Deputado.

É por iso que, ante a desprotección da Xunta de Galicia e do Goberno Central, o Goberno da Deputación presenta esta proposta, na que se recollen medidas para favorecer o acceso á vivenda e ás subministracións básicas, como son a auga, a luz e a calefacción; medidas para promover a creación de vivendas sociais e incentivar o aluguer, así como outras medidas antidesafiuzamento.

2. Cumprimento carta europea das linguas rexionais e minorizadas: O Vicepresidente destacou que o pasado 21 de xaneiro, facíase público o 4º Informe de Avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, elaborado polo Comité Internacional de Expertos, no que se indica que non se están cumprindo as indicacións de protección do idioma, tal e como se comprometeron o Estado e a Xunta de Galicia, logo de ratificar a Carta no ano 2001. “A través desta proposta a Deputación de Lugo comprometese a cumprir as recomendacións da carta, o tratado internacional que garante os dereitos lingüísticos en relación á lingua oficial da nosa comunidade que é o galego”, subliñou Veiga.

Ademais, reclámaselle á Xunta que elabore, de maneira consensuada, un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística, e acorde coa carta. Na proposta tamén se inclúe que, mentres nos se elabore un decreto novo, se modifique o actual derrogando os artigos que poñan limites o uso do galego nas aulas.

3. Relación de Postos de Traballo: Santos Ramos explicou que outro dos asuntos que se presentarán ao Pleno é a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do persoal que presta o seu servizo na Deputación. “Como ben sabedes, xa foi aprobado inicialmente no mes de abril do ano pasado e, despois de abrir o prazo de alegacións, é o momento de sometelo a aprobación definitiva. Lembrar que a aprobación inicial foi respaldada maioritariamente polos sindicatos na mesa xeral de negociación. Con este acordo, benefícianse de xeito directo un total de 331 traballadores, dos que 112 cobran menos de 24.000 euros anuais”.

Santos Ramos explicou que con este acordo, non se incrementa nin un só euro a partida de gastos de persoal, xa que a amortización de prazas innecesarias, fixo posible mellorar a situación dos traballadores que menos cobran.

Exit mobile version