Site icon Crónica3.com A Mariña

Voluntarios de Alcoa e alumnos do Colexio Público de Cervo crean murais da man do pintor Neira Brochs

San Cibrao, 22 de febreiro de 2016.- Alumnos do Colexio Público de Cervo e voluntarios de Alcoa San Cibrao participan este martes, 23 de febreiro, no proceso de creación artística de murais con materiais reciclados da man do recoñecido pintor viveirense Juan Luís Neira Brochs. Esta iniciativa conta tamén co respaldo de Fundación Alcoa, que doará 3.000 dólares á Asociación de Pais e Nais do colexio.

Os alumnos realizarán distintos talleres para aprender as técnicas do proceso e realizarán pequenos murais, mentres que os voluntarios de Alcoa centraranse nos traballos de construción da base dun mural principal que se colgará posteriormente nas paredes do centro escolar, todo iso baixo a dirección de Neira Brochs.

Os alumnos do Colexio Público de Cervo gozarán así da experiencia da creación artística e aprenderán sobre do proceso que leva a transformar meros materiais de reciclado en elementos que poden chegar a formar parte de obras de arte grazas á visión e interpretación do artista.

Fundación Alcoa e Alcoa San Cibrao veñen apoiando desde fai anos proxectos educativos do Colexio Público de Cervo e iniciativas da Asociación de Pais e Nais do centro, promovendo e organizando actividades medioambientais, sobre aforro energético e prevención de riscos, así como deportivas e culturais para escolares.

Fundación Alcoa susténtase dos seus propios activos financeiros e non dos beneficios de Alcoa. O seu principal obxectivo é mellorar a calidade de vida nas comunidades nas que a compañía está presente. Alcoa promove e apoia o voluntariado solidario e a acción social na comunidade dos seus empregados, para o que conta con programas específicos, os plans Acción e Bravo.

Exit mobile version