Alí, a directora xeral adiantou que en 2016 publicarase unha nova Orde de axudas de Fomento de Actividades de Voluntariado dotada con 145.000 euros. A esta Orde poderán acollerse as entidades de voluntariado inscritas no rexistro oficial. Xunto á Orde de Voluntariado Xuvenil, que conta con outros 375.000 euros, o departamento de voluntariado incrementa este ano o seu orzamento un 4% con respecto a 2015.
A xuntanza cos mozos e mozas ten como obxectivo escoitar as súas conclusións na hora de participar nos diferentes programas, co fin de coñecer as súas ideas, queixas ou dúbidas para recollelas e así poder mellorar as prestacións dos recursos que a Dirección Xeral programa para a mocidade de Galicia. En verbas de Cecilia Vázquez, a Xunta “considera prioritario que os rapaces tomen parte activa e se impliquen ao máximo nos plans de futuro e no desenvolvemento da programación de Xuventude”.
Nesta ocasión, os mozos e mozas que participaron na xuntanza foron os das comarcas de A Mariña, A Fonsagrada, Meira, Terra Cha, Os Ancares, A Ulloa e Lugo. Ademais, Cecilia Vázquez tamén mantivo unha xuntanza con alcaldes e concelleiros de xuventude destas comarcas, co obxectivo de coordinar e mellorar as políticas de mocidade que se prestan de xeito conxunto entre os concellos e a administración autonómica e poder presentar a programación da Dirección Xeral para 2016.
En total, nos meses de febreiro, marzo e abril Cecilia Vázquez mantén un total de 14 encontros con mozos e mozas de toda Galicia e cos responsables de xuventude dos concellos. A primeira das xuntanzas tivo lugar en Chantada e ademais desta de Lugo tamén se celebrarán en Noia, Melide, Ferrol, A Coruña, Lalín, Vilagarcía, Pontevedra, Santiago, Ourense, Vigo, Betanzos e Carballo.