Site icon Crónica3.com A Mariña

A Agrupación Socialista de Ribadeo convoca un certame literario polo Día da Muller tras organizar charlas sobre sexualidade

charla-muller-ribadeoA Agrupación Socialista de Ribadeo celebrou, o pasado sábado 5, unhas charlas sobre a sexualidade da muller para dar comezo a un ciclo de charlas de interese xeral conmemorando o Día Internacional da Muller. Estas conferencias foron impartidas polo Doutor Cristóbal Rodríguez Garfia, especialista en Xinecología e Obstetricia con clínica en Burela.

Comezou por achegar ás máis novas toda a información posible sobre saúde sexual e métodos anticonceptivos, e tamén sobre fisioloxía do aparello reprodutor feminino, rompendo mitos e eliminando tabús. Falou de saúde reprodutiva, de como a sexualidade e o control ou aproximación pouco acertada a ela condiciona a saúde e as relacións humanas, e de como as mulleres temos que coñecernos e reapropiarnos do noso desexo e esquecer os prexuízos que nos impón a sociedade.

Na segunda parte, orientada a un público de máis idade, e quizás menos cohibido xa que a asistencia foi maior, tratáronse temas tan importantes como o dereito para decidir sobre a nosa sexualidade e a nosa reprodución, as etapas da vida, e a influencia da idade á hora de abordar a sexualidade. De novo romperon mitos, como o perigo do sexo no embarazo ou que na madurez sexa innecesario ou desaconsellable practicalo.

Desde o punto de vista médico, o Doutor Garfia puntualizou diferentes problemas relacionados coa vida da muller: dores premenstruais, osteoporoses, menopausa, depresión, infeccións… E recomendou unha revisión anual porque calquera problema, atopado a tempo, é máis fácil de controlar e solucionar, como, por exemplo, o cancro do pescozo uterino, detectable mesmo 10 anos antes de que se desenvolva con tan só unha citoloxía (aquí remarcou a importancia das institucións públicas e as políticas de sanidade, xa que hai controis básicos e económicos que non se efectúan e que recortarían custos ao axudar a evitar problemas futuros máis graves).

Como se trataba dun día para reclamar a igualdade, déronse datos tan importantes como a diferenza de salario entre homes e mulleres co mesmo posto de traballo, os problemas coa conciliación (a inexistencia da mesma), e o acoso e a violencia de xénero, lembrando que o máis importante é a educación: educar en igualdade.

Iso é o que tentamos con este tipo de conferencias: facer chegar á sociedade liberdade, información e respecto por cada individuo, sexa do sexo que sexa.

I Certame Literario “Día da Muller”
E, falando de igualdade, a agrupación socialista de Ribadeo convocou o I Certame Literario “Día da muller”, aberto a nacid@s ou residentes no concello de Ribadeo e aquel@s que, sen reunir a condición anterior, cursen estudos de Educación Primaria, E.S.O., Bacharelato e ciclos formativos en calquera centro da comarca.

Pódense consultar as bases na súa páxina web (na pestana do certame), ou no facebook da Agrupación. O fallo do concurso farase público antes da entrega de premios que se celebrará o 3 de abril de 2016.

Os traballos dividiranse nas categorías INFANTIL ou XUVENIL (sinalando as
CATEGORÍAS A, B ou C) e deberá ser presentados por correo postal ou persoalmente en Agrupación Socialista de Ribadeo, sita en Rúa Viejo Pancho nº16 de Ribadeo (Lugo) os mércores de 10.30-13.00 e de 17.00-
19.30 horas.

O prazo de presentación dos traballos finalizará o 23 de marzo de 2016 ás 19.30 horas.

Exit mobile version