Tal e como expuxo Ferreiro, “trátase de ampliar a oferta aos centros que desde a Área de Cultura vimos tendo desde hai moitos anos, a través da Rede Museísitica Provincial, e que este novo programa redunde nun maior coñecemento tanto dos catro Museos da Rede como do propio CENTRAD”, sinalou.
Desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo sinalan que este programa contribuirá a dar a coñecer e poñer en valor “o noso rico patrimonio cultural entre as e os máis novos” sinalou Ferreiro. O Delegado de Cultura anunciou tamén que “este programa de visitas acompañarase dunha guía didáctica no caso dos catro Museos da Rede e do CENTRAD, de maneira que, a maiores de realizar estas visitas ao noso patrimonio, as e os docentes poidan continuar a traballar estas temáticas nas aulas e introducilas nos currículos escolares”, dixo.
O responsable de Cultura na Deputación de Lugo sinalou tamén que este programa “será moi positivo para a propia cidade de Lugo, pois as e os escolares que se achegan a visitar as instalacións tanto do Museo de Lugo como do CENTRAD, aproveitarán para visitar outros emblemas do noso patrimonio presentes na cidade, e buscaremos a colaboración do concello para ampliar a oferta” dixo Ferreiro.
Xosé Ferreiro concluíu indicando que “desde as institucións públicas temos que fomentar un contacto máis estreito coa comunidade educativa, sabedores de que é preciso incidir na educación para que o noso patrimonio cultural sexa respectado e valorado, e contribuír, deste xeito, á súa salvagarda para as xeracións futuras”, indicou e lembrou que “Lugo conta con dous elementos que son Patrimonio da Humanidade e temos que poñelos en valor entre as xeracións máis novas”.