Lugo, 1 de marzo de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo e candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo Elena Candia suma ao seu proxecto o aval de 16 dos 22 compromisarios de Novas Xeracións, a organización xuvenil do Partido Popular lucense.
Candia deu a coñecer que o 73% do total dos representantes electos e natos das mozas e mozos que militan na formación popular veñen de ofrecer o seu respaldo directo de cara á votación que terá lugar este domingo, no congreso provincial
A propia candidata mantivo nas pasadas datas unha reunión cos mozos de Novas Xeracións na que de xeito específico tratou as propostas dirixidas a dar maior protagonismo e contacto á xuventude dentro da formación popular lucense.
Entre outras Candia propuxo a incorporación ao Comité de Dirección do PP de Lugo da persoa que ostente en cada ocasión a presidencia provincial de Novas Xeracións e a celebración de reunións periódicas entre ambas as organizacións.
Elena Candia defende a combinación de mocidade e política, “dous termos que moitos queren contrapoñer, pero que deben ir da man porque a política necesita unha renovación constante de equipos e de ideas, de xente con ganas e ilusión, que entendan a política como un servizo público. As mozas e mozos de NNXX son persoas que un día decidiron formar parte dunha formación política e que están aquí polos seus valores e porque queren facer algo polo seu pobo”, engade.
Secretario local lucense
A maiores, a candidatura que encabezan Elena Candia e Ramón Carballo fixo pública a incorporación ao seu proxecto do secretario xeral de Novas Xeracións na cidade de Lugo, Alejandro Pena López-Boado, unha das figuras esenciais desta organización na capital lucense.
Neto do histórico dirixente do PP recentemente falecido José Serafín Pena Souto, Alejandro Pena suma o seu nome ao do propio presidente provincial de Novas Xeracións, Daniel Vega, quen fai unhas semanas manifestaba o seu apoio e incorporación ao equipo de Elena Candia, convencidos ambos de que suporá a verdadeira renovación e un cambio xeracional que enriquecerá o Partido Popular lucense.
Alejandro Pena asegura que decide dar unha paso á fronte “porque Elena Candia é a mellor candidata, como así demostra o traballo que está a facer non só no seu Concello senón tamén á fronte do Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo”. “É a candidatura que nos garante que non haberá unha barreira entre a dirección e a militancia, polo que confío no seu proxecto”, conclúe.