Site icon Crónica3.com A Mariña

A Confederación de ANPAs Galegas emite un comunicado sobre a reunión do Consello Escolar de Galicia

14 de marzo de 2016.- O martes día quince do presente mes celebrarase en Compostela o primeiro Pleno do ano do Consello Escolar de Galiza. Como di a lei da súa creación, o Consello Escolar de Galiza é o órgano superior de consulta, de participación e de asesoramento á Consellería de Educación na programación xeral do ensino. Este órgano, que nace coa vocación de garantir o dereito constitucional á participación cidadá na programación xeral do ensino ten, entre outras, a competencia de “Formular propostas e suxestións á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sobre asuntos relativos ao ensino no ámbito da Comunidade Autónoma de Galiza”.

Por primeira vez dende a súa constitución ANPAS GALEGAS, a Confederación de ANPAs mais representativa de Galiza, estará presente nese importante órgano de participación. O presidente da Confederación, Javier Sánchez, foi nomeado o día 3 de febreiro conselleiro do Consello Escoar de Galiza en representación de nais e pais de alumnas/os dos centros públicos por designación da CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS.

O groso deste primeiro Pleno dedicarase á aprobación de dous ditames ao respecto de tres proxectos normativos que, previo ao debate en Pleno, foron emendados por ANPAS GALEGAS e outras organizacións representadas no Consello Escolar. Trátase de realizar ditames sobre os Decretos que aprobarán os currículos do ciclo formativo de grao superior en Ortopróteses e Produtos de Apoio e do ciclo formativo de grao medio en Emerxencias e Protección Civil, e mais o Decreto que aprobará o plan de estudos nas especialidades de Dirección, e Produción e xestión, pertencentes as ensinanzas artísticas superiores de Música. As emendas presentadas por ANPAS GALEGAS pretenden introducir neses textos normativos garantías para que a presenza da nosa lingua estea completamente normalizada (tal e como establece a propia Lei de normalización da lingua), e ademais reclamamos que as Ensinanzas Artísticas Superiores (EEAASS) estean plenamente integradas na Universidade e non, como actualmente acontece, nos Centros Superiores de Ensinanzas Artísticas, algo que ven reclamando insistentemente a Plataforma Galega Pola Integración das EEAASS na Universidade, co obxectivo de evitar as graves discriminacións que o alumnado destes estudos sofre con respecto ao alumnado universitario (canto a bolsas, participación democrática nos centros, desvalorización das titulacións, etc…). Ademais apoiaremos tadas aquelas outras emendas, presentadas por outras organizacións, que pretendan garantir os dereitos do alumnado e mellorar a calidade destas ensinanzas.

Neste Pleno o representante de ANPAS GALEGAS aproveitará o tempo dos rogos para solicitarlle ao Consello Escolar de Galiza que medie ante o Sr. Román Rodríguez, Conselleiro de Educación, e o inste a recibir á nai malpicá Nieves Villar acompañada de representantes de ANPAS GALEGAS, para que esta nai coraxe poda explicarlle persoalmente ao Sr. Conselleiro cal é a realidade das nenas e nenos que, por mor de padecer unha enfermidade de longa duración, sofren un inaceptable abandono educativo por parte da administración que el dirixe.

Finalmente queremos comunicar que o representante da Confederación ANPAS GALEGAS no Consello Escolar de Galiza, incorporarase a este organismo para dar voz ao conxunto das familias galegas na procura dun ensino público, galego, inclusivo, laico, gratuíto e de alta calidade e que, na procura deste obxectivo,traballamos e estamos á disposición do conxunto da cidadanía galega.

Exit mobile version