A conselleira destacou a relevancia do alcance desta programación, “tanto polo investimento como pola poboación á que benefician as melloras de firme que imos realizar en treitos urbanos das distintas estradas autonómicas”.
Na súa intervención concretou que actualmente xa está en proceso de contratación o reforzo de firme en 237 quilómetros da rede de estradas autonómicas, dos cales 67 quilómetros son travesías, e que supoñen un investimento de case 10 millóns de euros.
Ademais, adiantou que neste mes de marzo se iniciará a licitación de novos contratos que suman 140 km de reforzos de firme en zonas interurbanas e 95 quilómetros en travesías, o que supón iniciar a contratación de reforzos de firme noutros 235 km, cun investimento de case 7 m €.
A este respecto destacou que a intención do Goberno galego é executar as obras en verán, aproveitando as condicións meteorolóxicas favorables.
Segundo expuxo, este plan de reforzos de firme é froito da aposta do Executivo autonómico por garantir a calidade e a seguridade das infraestruturas viarias de Galicia, desde o convencemento de que “priorizar a conservación da estradas e investir na súa mellora significa velar pola seguridade viaria dos galegos, e non hai nada que estea por riba da vida e da integridade das persoas”.
A conselleira de Infraestruturas asegurou que esta iniciativa se enmarca na xestión responsable e rigorosa de cara á lograr a eficiencia nos recursos públicos, xa que -explicou “non hai que esquecer que cada euro non investido a tempo en conservación implica a necesidade de investir o dobre a medio prazo para manter a calidade das estradas”.
Así, resaltou que os 23,5 millóns de euros que se destinarán este ano ao ao Plan de reforzos de firme deben sumarse ás partidas destinadas á conservación ordinaria das estradas, así como os medios que se dedican a garantir a vialidade invernal.
Unha das redes de estradas máis extensas de España
Ethel Vázquez lembrou que Galicia, con 18.000 quilómetros de estradas, conta cunha das redes viarias máis extensas de toda España e a climatoloxía obriga a unha atención máis intensa da mesma.
Por ese motivo, explicou que manter nas mellores condicións os eixes de comunicación que cohesionan e vertebran o territorio requira inxentes recursos, algo que exixe a determinación e o compromiso político que sempre existiu no actual Goberno. Proba diso é para a conselleira que este ano a Axencia Galega de Infraestruturas dedica máis de 60 millóns de euros á mellora da seguridade viaria.
Así mesmo, referiuse á recente posta en marcha do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que recolle as liñas de traballo para tratar de reducir, ao máximo, o número de accidentes de tráfico que se rexistran nas estradas galegas e tamén para tentar minimizar os seus efectos e consecuencias. En concreto, esa folla de ruta ten como principal obxectivo reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas, con respecto ás rexistradas no ano 2011.
Para acadalo, recolle 49 medidas e actuacións concretas ás se destinarán máis de 300 M€ entre 2016 e 2020. O Plan estrutúrase en cinco piares básicos de actuación e elaborouse en consonancia cos obxectivos fixados pola Unión Europea e polas Nacións Unidas.