Site icon Crónica3.com A Mariña

A consellería de Infraestruturas baralla a construción dunha estrada dende o Centro de Saúde de San Cibrao ata Galdín

Cervo, 11 de marzo de 2016. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou a moi boa disposición da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para a construción por parte da Xunta de Galicia dunha estrada desde o centro de saúde de San Cibrao ata Galdín.

O rexedor municipal explicou: “acabamos de recibir á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias. É unha visita que temos que agradecerlle polos importantes asuntos que lle queríamos trasladar á Xunta, principalmente a apertura dun viario que vai desde o centro de Saúde de San Cibrao ata a zona de Galdín, que é municipal e comunica a dúas estradas da Deputación. É importantísimo para San Cibrao e tamén para o polígono industrial de Cuíña. Hoxe en día son moitas as dificultades que teñen sobre todo os vehículos pesados para acceder ao parque empresarial de Cuíña e a construción deste viario é algo fundamental tanto para o pobo de San Cibrao como para o desenvolvemento industrial do noso polígono”.

Alfonso Villares rematou agradecendo “a visita e a moi boa disposición da conselleira de Infraestruturas á hora de levar adiante esta obra, que nós levamos tratado como fundamental nestes anos de goberno porque é moi importante para San Cibrao”.

Exit mobile version