Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación municipal de Medio Ambiente de Cervo celebrará o día da árbore con 240 alumn@s dos colexios do municipio este xoves e este venres

Cervo, 29 de marzo de 2016.- O Concello de Cervo celebrará o Día da Árbore con 240 alumnos e alumnas dos dous colexios do municipio este xoves e venres. Anunciouno este martes a concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, quen explicou que esta actividade aprazouse para esta semana porque na data fixada para esta conmemoración, o día 21, os centros educativos estaban coas vacacións de Semana Santa.

Manuela Méndez especificou que “alumnos e alumnas de Infantil e primaria dos colexios CEIP de Cervo Número 1, de San Ciprián, e CEIP de Cervo plantarán árbores autóctonas en espazos públicos do municipio, como zona das Quintas, en Cervo, ou na da Ría, en San Ciprián. Esta actividade levarase a cabo estes xoves e venres, días 31 de marzo e 1 de abril. O Concello de Cervo conta co patrocinio da Fundación Alcoa, que cede as árbores para plantar”.

A edil de Medio Ambiente engadiu que “participarán uns 240 nenos e nenas acompañados polos seus profesores e contarán co apoio de persoal dos servizos municipais. Cada alumno plantará unha árbore que levará o seu nome”.
Ademais Manuela Méndez anunciou que “as preto de 5.000 árbores que aportará a Fundación Alcoa servirán tamén para completar a repoboación de montes de propiedade municipal en Sargadelos, en San Román e noutras zonas que quedaron sen reforestar”.

Exit mobile version