Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios da Mariña recibiu o premio Coopera Galicia 2015 cun proxecto pioneiro a nivel estatal contra a violencia de xénero

070316 Foto Coopera 2A Mariña, 7 de marzo de 2016.- O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense, Alfredo Llano, recolleu este luns ao mediodía en Santiago o premio Coopera Galicia 2015, dotado con 40.000 euros. A Mancomunidade presentou un proxecto pioneiro a nivel estatal, que permitirá que os Concellos poidan desenvolver un programa conxunto e permanente para loitar contra a violencia de xénero.

Llano dixo: “tiven a honra de ir a recoller o premio Coopera Galicia 2015 das entidades locais en representación da Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense. Dado como foi o acto e da importancia que ten para despois levar adiante o noso proxecto Puntos limpos para a xestión de residuos machistas corresponden a traballar a igualdade e a violencia de xénero. Presentamos a concurso un proxecto moi ambicioso, rigoroso e esixente para levar adiante de xeito coordinado entre todos os concellos que formamos parte da Mariña lucense”.

O presidente da Mancomunidade sinalou que “como é un problema moi preocupante hai que intentar acabar con esta lacra que é a violencia de xénero e procurar que a igualdade sexa un referente claro. Pensamos que estes programas suporán un traballo e un esforzo e van ter un resultado e unha repercusión que será bo para todos”.
“Puntos limpos para a xestión de residuos machistas será un proxecto mancomunado, todos os concellos participaremos a través dos CIM (Centros de Información ás Mulleres) dunha maneira coordinada, transversal e formativa, xa que tocando os máximos ámbitos deamos cun resultado positivo, que é o que desexamos todos”, explicou Alfredo Llano.

Desde a Mancomunidade de Municipios da Mariña o seu presidente subliñou que “este é un proxecto inédito, pioneiro tanto en Galicia e en España. Temos que facelo moi ben porque vai ser referente posiblemente para outros Concellos e Mancomunidades. É unha posta polo traballo coordinado entre as institucións para loitar contra a violencia de xénero e a desigualdade”. E engadiu: “collémolo con moita ilusión e responsabilidade. O acto estivo moi ben, había outros premiados, pero nós quedamos de primeiros con ese proxecto que é moi ambicioso e moi esixente. Agardo que co tempo se vexan os resultados. Poñerémonos a traballar nel nun breve espazo de tempo”. Puntos limpos para a xestión de residuos machistas contempla a realización de charlas, coloquios e outras actividades, así como a posta en marcha dunha páxina web conxunta e coordinada pola Mancomunidade de Municipios da Mariña.

Alfredo Llano recolleu o premio na mañá deste luns en Santiago. Con el estiveron varios alcaldes e concelleiros mariñáns.

Exit mobile version