Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios da Mariña solicitará a Fomento que incremente as medidas de seguridade para evitar a entrada de animais salvaxes na A-8

A Mariña, 14 de marzo 2016.- O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, pedirá a Fomento que se incrementen as medidas de seguridade na A-8 para evitar a presenza de animais salvaxes na vía. O pasado sábado rexistrábase un grave accidente no que perdía a vida un rapaz de Burela e no que resultaban feridas varias persoas tras a invasión da calzada por un xabaril.

Llano manifestou que “nos preocupa a seguridade nas infraestruturas que temos que empregar na zona e queremos que sexan as máis seguras e as mellor preparadas. Loxicamente despois do acontecido esta fin de semana evidentemente temos que reclamar que se fagan as revisións e que se preste a atención suficiente e necesaria para evitar a entrada de animais salvaxes á autovía”.

O presidente da Mancomunidade dixo que “isto que ocorreu esta fin de semana por desgraza puido ter acontecido outras veces porque falei con xente que está enterada por diversas razóns, sexan de Protección Civil ou cazadores, e hai unha zona na A-8 onde foi o accidente pola que pasan con certa frecuencia xabarís ou corzos porque hai un paso natural, que son cinco ou seis puntos en concreto, aos que tenden a acudir este tipo de animais, evidentemente o que é a protección da autovía non é suficiente para estes animais porque o xabaril pasa perfectamente por debaixo do valado e chega á autovía con relativa facilidade”.

Alfredo Llano anunciou que “o que lle imos solicitar a Fomento é que se controle e se vixíe para reforzar os valados onde interesa reforzalos e desviar aos animais salvaxes aos pasos naturais, que deberán ter unha determinada claridade, para que estes animais non teñan dúbidas e poidan pasar por eles sen forzar o seu paso á autovía”.

Llano engadiu: “evidentemente hai que dicir que as autovías, as autopistas e as vías de alta capacidade son seguras, pero cando se pasa por elas hai que notar e ter esa seguridade. Hai que procurar que estas cousas non ocorran dado que crean unha intranquilidade e inseguridade impresionante ademais cun resultado tremendamente negativo, coma o acontecido esta pasada fin de semana”.

Cursos para socorristas
Por outra banda o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña sinalou que “é unha preocupación na Mancomunidade contar con profesionais no verán para facerse cargo do auxilio e da vixilancia das praias. Evidentemente dado que desde Ribadeo ata O Vicedo hai moitas praias e moi boas e todas elas gozan de boa categoría, contamos con moitas bandeiras azuis, iso hai que reforzalo con vixilancia e con socorristas que todos os anos estamos a contratar”.

Alfredo Llano asegurou que “desde hai seis anos non houbo un solo curso para homologar á xente que queira ser socorrista. Evidentemente o ano pasado xa houbo unha clara falta de socorristas nalgún concello porque non é fácil agora facerse con eles, dado que hai moi poucos cursos, hai moi pouca homologación. Imos solicitalo á Federación Galega de Socorrismo ou a través da Cruz Vermella para que se fagan cursos e sexan homologados, e poidan darlle unha oportunidade a aqueles rapaces que queiran ser socorristas ademais de facilitar a contratación aos concellos de socorristas para o verán”. O que propón a Mancomunidade de Municipios da Mariña é a organización de cursos para a obtención dos correspondentes certificados de profesionalidade, que sexan totalmente gratuítos para os participantes.

LLano engadiu que “son cursos que non son curtos, son case catrocentas horas por tanto fan falta case catro meses para facer un curso destes, evidentemente despois de seis anos a demanda ten que ser grande e ao mesmo tempo algunha persoa que non renovou a homologación e ten que facelo tamén, porque as homologacións caducan aos cinco anos”. Nós queremos facilitar que existan profesionais e mover a ilusión dos rapaces para que poidan ser socorristas e facilitarlles aos concellos que poidan ter acceso á contratación de socorristas e non andar buscando noutras comunidades ou que quedemos con menos dos que realmente necesitamos para poder garantir a seguridade e a homologación das bandeiras azuis”.

Finalmente Llano declarou que “voume poñer de acordo e un pouco representar a todos os municipios para solicitar estes cursos porque penso que son moi necesarios. Imos facelo inmediatamente, aínda que este ano vai ser difícil loxicamente facer un curso para sacar socorristas para este próximo verán.

Exit mobile version