Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza un novo parque eólico entre os municipios de Mondoñedo e A Pastoriza

A Xunta vén de autorizar dous novos parques eólicos do concurso galego que supoñen un investimento conxunto de preto de 50 millóns de euros: o parque Campo Pequeño, situado no Concello da Baña; e o de Carracedo, que se situará nos concellos lugueses de Mondoñedo e a Pastoriza.

O eólico Campo Pequeño, promovido por Eólica Galenova, estará composto por 9 aeroxeradores que, cunha potencia total de 27 MW, producirán máis de 74.000 MWh ao ano, o equivalente ao consumo anual de preto de 17.600 fogares galegos. Suporá un investimento de 36,7 millóns de euros.

Pola súa banda, no parque Carracedo, que desenvolverá Norvento, investiranse preto de 13 millóns de euros. Contará con 3 aeroxeradores cunha potencia total de 9MW, e estímase que a produción de enerxía anual se aproximará aos 34.000 MWh ao ano, o correspondente ao consumo por exercicio de preto de 8.000 familias.

Con este dous novos parques, o Goberno galego suma 17 parques do concurso aprobados, tras as autorizacións dos eólicos de Acibal, Mondigo, Faro, Cernego, Pico Seco, Friol, Paraño Oeste, Xinzo Norte, Chan do Eixo, Ourol, Tenzas do Aire, a primeira fase de Monte Arca, Cordal-Ousá, Orrea e Alto da Telleira, acadando un total de 410 MW e un investimento de máis de 524 millóns de euros.

Deste xeito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria segue a apoiar un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica orientado á recuperación do liderado do sector e á creación de emprego e riqueza para a sociedade. Así, cómpre salientar que o total dos plans industriais asociados ao concurso eólico galego están a xerar xa 1.066 millóns de investimento na Comunidade e teñen permitido crear máis de 2.100 empregos directos.

Exit mobile version