Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta porá á disposición das empresas do sector primario 250.000 metros cadrados de solo industrial a cambio de alugueiros simbólicos

image_gallery2Lugo, 29 de marzo de 2016.- A Xunta porá á disposición das empresas do sector primario arredor de 250.000 metros cadrados de solo industrial ao que poderán acceder de forma directa a cambio de alugueiros simbólicos. As conselleiras de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantiveron este martes unha xuntanza de traballo con representantes do sector agroalimentario e forestal, aos que lles informaron dos novos incentivos, que o Consello de Xestur aproba nesta mesma xornada e que se aplicarán tamén aos parques propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A titular de Infraestruturas explicou que esta iniciativa do Goberno galego permitirá que as empresas do sector primario accedan ao solo industrial para desenvolver os seus proxectos en réxime de “dereito de superficie”, é dicir, mediante importes de aluguer comprendidos entre 32 céntimos e 1,31 euros/m2 e cun primeiro ano sen pagar alugueiro, tendo en conta que é o momento no que asumen maiores custes.

Ethel Vázquez explicou que o Goberno galego activa este tipo de iniciativas á economía rural desde o convencemento de que “non se pode concibir unha Galicia próspera sen un rural vivo, e o sector primario é unha peza clave para iso”. Así, concretou que o obxectivo destes incentivos da Xunta é facilitar a posta en marcha de novos proxectos empresariais e a ampliación dos existentes grazas a diminuír os riscos de investimento que correrían.

Na reunión deste martes abordáronse as medidas e incentivos impulsadas desde a Xunta para facilitar o acceso ao solo industrial e favorecer a instalación de empresas na comunidade, e especialmente no sector primario.

O Goberno galego está a centrar a política de solo empresarial en poñer á disposición dos emprendedores o espazo necesario para que poidan instalar ou expandir os seus proxectos industriais, ofrecéndollo nas condicións máis vantaxosas posibles. Para iso foron as bonificacións no prezo do solo empresarial con grandes resultados e tamén as novas condicións coa adxudicación de parcelas en réxime de dereito de superficie, unha medida pioneira en Galicia que consiste nun sistema semellante a un alugueiro a con dereito a compra.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou a importancia desta iniciativa para dinamizar o tecido socioempresarial do agro galego e remarcou a vocación agrogandeira e forestal de moitas comarcas da nosa comunidade.

Neste contexto, sinalou que a Xunta apoia a transformación e comercialización dos produtos agrarios, como se pon de manifesto cos 14,3 millóns de euros destinados este ano ás axudas para impulsar estes procesos. Estas achegas procuran incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións destinadas a esta finalidade. Na última convocatoria presentáronse proxectos por un importe superior aos 155 millóns de euros, o que demostra o pulo industrial deste sector en Galicia.

Ángeles Vázquez salientou tamén os incentivos que recibirán as empresas vinculadas ao sector primario que se instalen nos parques empresariais e lembrou –nesta liña de fomento da actividade– o programa de impostos cero no rural galego, que supón rebaixas moi importantes en diferentes tributos competencia da Xunta, caso do imposto de transmisións patrimoniais ou o de actos xurídicos documentados.

Exit mobile version