Encarnación Rivas trasladoulle á rexedora que agora a Xunta dispón dun prazo dun mes para comprobar a integridade documental do expediente administrativo e do proxecto presentado. Tamén lle indicou que a Administración galega terá tres meses para estudar o PXOM, período que empeza a contar unha vez que estea completo.
Cómpre destacar que o Plan xeral foi aprobado provisionalmente o pasado 5 de febreiro de 2016 e porá fin ás Normas Subsidiarias de Planeamento vixentes dende 1978, hai 38 anos.
A Xunta de Galicia destaca o apoio técnico e económico deste documento que planificará o desenvolvemento do concello lugués nos vindeiros 12 anos, para o que concedeu axudas por importe de case 150.000 euros.
Antecedentes
O PXOM recibiu o seu impulso decisivo en setembro de 2013, cando foi aprobado inicialmente polo pleno municipal.
A continuación o ritmo da tramitación destacou pola súa axilidade: aprobación inicial; exposición pública, análise das alegacións recibidas, solicitude e emisión favorable dos preto de 30 informes sectoriais, tramitación urbanística e ambiental, etc.