Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA e a Consellería de Medio Ambiente renovan o convenio do Proxecto Ríos

No día Mundial da Auga, ADEGA ven de asinar coa Xunta, a través de Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio, pertencentes á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a continuidade do Proxecto Ríos para 2016. A presidenta de ADEGA e Coordinadora do proxecto, Virginia Rodríguez, asinou o convenio de colaboración que dota de orzamento ao Proxecto Ríos, coa Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

O Proxecto Ríos basea a súa labor en tres piares fundamentais: a importancia da educación ambiental para dar a coñecer os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación; a constancia do traballo co voluntariado ambiental que se fai responsable dun treito de río; e o fomento da participación cidadá como ferramenta fundamental que permita camiñar cara a unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas. O obxectivo principal é promover a sustentabilidade en relación coa contaminación e co deterioro dos ecosistemas fluviais analizando a calidade das augas –fisicoquímica e biolóxica– e o estado de conservación das marxes fluviais e dos ecosistemas. Cos datos obtidos elabórase anualmente o informe do estado de saúde dos ríos galegos.

O Proxecto Ríos, tamén forma parte da rede de Proyecto Ríos que desenvolven o mesmo tipo de actividades en diferentes lugares da Península Ibérica (Associació Hátitats en Cataluña, Fundación Limne en Valencia, Red Cambera en Cantabria, Territorios Vivos en Madrid e Aspea en Portugal).

Na actualidade, o Proxecto Ríos conta con 322 grupos de voluntarios/as que supoñen a participación de máis de 3.500 persoas no estudo e conservación dos ríos. Este convenio permitirá desenvolver actividades de capacitación do voluntariado fundamentais para acadar unha participación activa da cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Son 12 anos xa de traballo continuo, ao longo de tres lexislaturas e con governos de moi distinta cor política, o que avala o valor e o interese deste proxecto colectivo de custodia fluvial, que pretende unir ríos e persoas.

Exit mobile version