A Mariña, 17 de marzo de 2016.- O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, solicitará melloras na A-8 e na N-642 na xuntanza que manterá este venres con responsables de Fomento. O encontro, que terá lugar en Lugo, principiará ás once da mañá.
Llano, manifestou que “como existen varias cuestións que son preocupantes, unha delas xa temos falado durante todo este tempo sobre a A-8, tamén temos falado do estado no que está a N-642, que é a nosa estrada máis empregada aquí para cruzar dun pobo a outro da Mariña. Hai que darse conta que ten unha densidade enorme de tráfico, e queremos falar con Fomento para comentar que se ten pensado facer coa autoestrada que vai desde Barreiros ata San Cibrao ou coa vía de alta capacidade que vai de San Cibrao ata Ferrol”.
O presidente da Mancomunidade subliñou que “o que queremos é preocuparnos de que A Mariña teña unhas boas comunicacións, que as infraestruturas sexan acordes á importancia que ten A Mariña en canto a movemento de vehículos, a capacidade social e industrial, a capacidade de habitantes que aquí convivimos, e por tanto hai que darlle a importancia que ten e desde logo imos intentar desde a Mancomunidade e nos distintos concellos traballar neste senso”.
Llano engadiu que “con respecto a Burela eu quérolles facer unha proposta de mellorar un pouco a sinalización do pobo dado que existen carteis pero son moi pequenos ou están colocados dunha maneira pouco visible e hai moita xente que se perde senón ten un pouco de coidado”. Finalmente dixo que “falaremos un pouco de todo isto e desde logo solo coa pretensión de mellorar de forma global as infraestruturas, estradas e autoestradas da nosa comarca”.