Site icon Crónica3.com A Mariña

Alta participación e consolidación da canteira de bolos en Xove

bolos-xove-16A XXVII Tirada de Bolos Concello de Xove remataba Sumoas o sábado 5 de marzo.

XXVII TIRADA DE BOLOS
Definido xa o título a favor de Rafael González, quedaba por saber nesta última tirada se Arturo Vigo lle podía arrebatar a Sócrates Campo a segunda posición. Pero, Sócrates mantivo ese segundo posto con comodidade xa que gañaba esta última tirada da temporada.

Así, Rafael González fíxose co campionato, o seu trofeo e 200 euros de premio. Polo subcampionato, Sócrates Campo tamén recibía un trofeo e 150 euros; mentres que Arturo Vigo, na terceira posición, se facía con outro trofeo e 100 euros aos que ten que engadir o premio á “Mellor Bolada do Campionato” conseguida o 20 de febreiro en Vilachá con 105 tantos.

Pero tamén houbo trofeos e premios en metálico para o resto de clasificados ata a posición número 12. E, entre os xogadores maiores de 60 anos, LIGA DE MAIORES, repetía vitoria Arturo Rodríguez seguido de José González e José Baño que recibían cadanseu trofeo e premios en metálico de 75, 50 e 25 euros, respectivamente.

Modesto Albo, que o pasado ano foi subcampión desta categoría, este ano non puido quedar entre os tres primeiros -dado que José González lle arrebatou este ano o posto no podio-, pero fíxose co premio ao xogador máis veterano (86 anos).

Liga Sénior Feminina
Sen sorpresa final, este ano cabe destacar a progresión da campioa, Salomé Cardoso, quen na súa segunda temporada na categoría consegue a súa primeira vitoria final.

Tamén hai que sinalar a extraordinaria competición que realizou a terceira clasificada Salomé Bermúdez, xogadora máis veterana do torneo que tivo unha progresión excelente no seu xogo dende a pasada temporada. De feito, facíase co premio á “Mellor Bolada”, con 91 puntos, obtida tamén o 20 de febreiro en Vilachá.

Tamén de excelente se pode calificar a participación da subcampiona, Belén Meitín, que non puido repetir título, pero pelexou ata o final polo mesmo.

As tres primeiras clasificadas lograban cadanseu trofeo e 90, 75 e 50 euros, respectivamente, ademais dos 50 euros do premio á “Mellor Bolada”. O resto de clasificados ata a posición número 5 recibiron tamén trofeos e premios en metálico.

Liga Sub 16
Cos dous primeiros postos da categoría xa decididos, quedaba por dirimir quen se facía coa terceira posición do podio final. Juan Manuel Ferro, que partía cos mesmos puntos que Julia López, non conseguía puntuar nesta última tirada e perdou a terceira posición que foi finalmente para Julia.

Daniel Alonso facíase logo co campionato, cun trofeo e cun premio en metálico de 90 euros ao que engade o trofeo e premio de 50 euros pola “Mellor Bolada do Campionato”, con 75 tantos, lograda o 14 de novembro en Vilachá. Miguel López tamén recibía o seu trofeo e 75 euros polo subcampionato e Julia, un trofeo e 50 euros.

Juan Manuel Ferro e Javier Alonso tamén lograban trofeos e premios en metálico que entregaban o alcalde, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Deportes, Cristina Iglesias, ao remate da competición.

Pensando xa na vindeira temporada, esta categoría perderá tres xogadores Daniel Alonso, Miguel López e Juan Manuel Ferro pasarán á Liga Sénior onde se prevé que se manteñan como referencia a seguir nos vindeiros anos; xa que se trata de tres xogadores físicamente moi fortes, aínda que cunha ampla marxe de mellora técnica.

Alta participación e consolidación de xogadores infantís e xuvenís
A temporada que vén de rematar destaca por dous aspectos: a alta participación -cunha media superior aos 30 inscritos por tirada- e a consolidación dun núcleo infantil/xuvenil de xogadores e xogadoras chamadas a tomar o relevo e renovar o espectro social deste xogo.

Estes dous feitos demostran que “o xogo de bolos está consolidado no noso concello e que este xogo ten futuro”.

Exit mobile version