Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumn@s de dous colexios da Mariña deseñan xoias para o Día da Nai

Santiago, marzo de 2016.- O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia (Coxga) quere animar a escolares de todo Galicia a introducirse no mundo do deseño de xoias e achegarse a unha profesión de gran arraigo nesta comunidade, que se distingue pola conxunción de tradición e innovación. Con ese obxectivo, convoca un concurso escolar co fío condutor de deseñar unha xoia coa que agasallar ás nais. Trátase do certame “Deseña unha xoia para a túa nai”, dirixido a escolares de infantil e primaria de Galicia, con ocasión da celebración do Día da Nai.

No certame participa alumnado dun par de colexios da Mariña, o CEIP Número 1 de Foz e o CEIP Santa Rita en Galdo-Viveiro, que están a deseñar xoias para presentar ao concurso.

A mecánica do concurso, que se organiza coa colaboración de Galicia Calidade, establece que os escolares teñen de prazo ata o 31 de marzo para realizar os debuxos da xoia que quererían regalar á súa nai. Pasado ese prazo, o xurado selecciona os mellores deseños, tres por cada unha das catro categorías establecidas, que diferencian ao alumnado por idades, de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos de idade.

Este divertido proceso de creación culmina coa selección de 80 deseños finalistas e entre eles os 12 gañadores, que teñen como premio a execución dos seus deseños a cargo de xoieiros de Galicia. Deste xeito, os pequenos artistas ven unha aplicación práctica da súa creatividade, mediante unha acción que sirve de apoio á súa formación escolar.

Gala de entrega de premios o 29 de abril

O fallo do xurado e a entrega dos premios ás novas promesas da creación en xoiaría terá lugar nunha gala que se celebrará o 29 de abril e á que asistirán os 80 finalistas, acompañados polas súas nais, para descubrir con sorpresa no trascurso do acto o nome dos 12 artistas gañadores.

Exit mobile version