Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada co voto en contra do PP, a proposta do Goberno para esixir a paralización do desmantelamento de Correos na provincia

Lugo, 29 de marzo de 2016.- O vicevoceiro provincial do PSOE, Pablo Rivera Capón, defendeu este martes no Pleno a proposta do Goberno da Deputación de esixir ao Executivo central a paralización do desmantelamento do servizo de Correos na provincia de Lugo. Pois suprimise, oficialmente, 29 prazas, e ten a previsión de destruír outras 11, ao tempo que xa destruíu 121 empregos en 2 anos. Todo isto en detrimento dos Concellos lugueses.

A iniciativa foi aprobada polo equipo de Goberno e o Deputado non adscrito, o PP votou en contra.

Con esta proposta, a Deputación de Lugo demanda á Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos que restitúa nos Concellos da provincia os servizos suprimidos durante os anos 2013, 2014 e 2015. Tamén reclama á Xunta de Galicia que realice as xestións necesarias ante o Goberno do Estado para recuperar tanto esta prestación como o seu persoal nas mesmas condicións laborais.

O vicevoceiro socialista lembrou que foi o actual Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o que iniciou o proceso de privatización do servizo de Correos. Rivera Capón advertiu que nos últimos cinco anos se destruiron entre 13.000 e 14.000 postos de traballo en todo o Estado.

“Non se contrata persoal temporal para as substitucións de vacacións. Coas cifras na man, suprimíronse oficialmente 29 prazas. E na actualidade, a previsión é recortar outras 11 prazas. Ademais comparando os censos de persoal na provincia de Lugo, (entre persoal funcionario e laboral), destruíronse 121 postos de traballo nos últimos dous anos”, remarcou.

En Comarcas coma as da Mariña, Lugo ou a Sarria, estanse a suprimir repartos e persoal en zonas rurais. Ademais reducíronse horarios de apertura en case a totalidade das oficinas, e mesmo se imposibilita o envío de paquetería, obrigando á poboación a trasladarse ás oficinas principais para este tipo de envíos, cando en moitos casos é o propio Concello o que asume a titularidade do local.

“Pregúntelle aos Alcaldes do PP si están dacordo coa política de Correos”. Rivera acusou ao PP “de non facer absolutamente nada por mudar esta situación”. E afirmou que “o que pretende o PP é suprimir as oficinas auxiliares, tan necesarias na provincia de Lugo”.

A Deputación realizará un estudo da represión na provincia
O voceiro provincial do BNG, Xosé Ferreiro, defendeu no Pleno a proposta do Goberno provincial de promover, ao longo do ano 2016, o desenvolvemento dun programa de actividades –en colaboración con entidades da Memoria e Concellos- arredor da memoria histórica e da represión franquista. A proposta non contou co apoio dos 12 Deputados do PP, pero foi aprobada polos equipo de Goberno da Deputación e o Deputado non adscrito.

Xosé Ferreiro anunciou que a Deputación de Lugo realizará, coa participación das entidades da Memoria, un estudo da represión na provincia de Lugo para elaborar, con outras institucións e colectivos, un Mapa da Memoria (rede de lugares da represión, resistencia, solidariedade e homenaxe en Galicia).

O voceiro provincial do BNG sinalou que dende o organismo provincial promoverase un recoñecemento e homenaxe a todas aquelas persoas que ostentaban cargos públicos para os que foran elixidos democraticamente e que foron represaliados, encarcerados ou asasinados debido a ese cargo que ostentaban e as ideas que defendías a raíz do golpe de estado de 1936.

Exit mobile version