Mes e medio despois da primeira xuntanza das catro deputacións coa Xunta para estudar a xestión directa dos parques de bombeiros, unha nova reunión celebrada este mércores día 2 de marzo na sede da Vicepresidenta da Xunta afondou no proxecto coa iniciativa das deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo de crear unha comisión xurídico-técnica que estude o proceso con rigor e en profundidade.
As tres deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra reafirmaron a súa vontade de camiñar cara o cambio de modelo de xestión dos parques dos Consorcios Provinciais de bombeiros cara outro de xestión directa. Unha vez postos en coñecemento os primeiros resultados dos estudos individuais realizados coincidiuse na necesidade de elaborar un estudo conxunto e profundo no que se avalien os mesmos indicadores e no que teñan participación os servizos técnicos de todas as administracións implicadas.
Polo momento, os resultados dos primeiros informes avaliados confirman a viabilidade do cambio de modelo de xestión, mesmo con vantaxes económicas para o servizo ao tempo que se mellorarían as condicións laborais do persoal dos parques contra incendios ademais de ofrecer un servizo público na súa totalidade.
Nunha rolda de prensa conxunta, as persoas representantes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra informaron dos avances dados na nova xuntanza que camiñan, segundo dixo a vicepresidenta da Coruña, Goretti Sanmartín, na liña da “xestión directa con pasos dados como os informes económicos e xurídicos necesarios e o intercambio de opinións co colectivo de bombeiros que, no caso da Coruña, se realizou coa participación de todos os grupos políticos para que expuxeran as súas peticións e que os acordos foran asumidos por toda a corporación”.
Informes diferentes
“Temos informes que manexan datos distintos e parten de situacións diferentes tanto a respecto da situación laboral inicial como das condicións nas que se fixeron as concesións no seu momento, hai disparidade entre as tres deputacións polo que puxemos sobre a mesa a necesidade de crear unha comisión ténica que avaliase e intentase unificar esa diversidade dos tres consorcios”, destacaron.
Da xuntanza de hoxe saiu a convocatoria dunha primeira reunión técnica que terá lugar dentro de quince días na que participarán tanto persoal das tres deputacións como da Xunta co fin de avaliar a situación e darlle un carácter homoxeneo con informes conxuntos. A partir de aí convocarase unha nova xuntanza de carácter político que, segundo apuntaron, “se asentará xa en piares firmes, desde unha perspectiva conxunta e homoxenea co fin de que dé resultados sólidos que confirmen se é fáctibel o cambio de modelo e en que condicións se debe abordar”.