Site icon Crónica3.com A Mariña

As XXIII Xornadas Técnicas Expomar 2016, que se desenvolverán os días 12 e 13 de maio en Burela, abordarán cuestións como a política común de pesca e a pesca responsable

Burela, 29 de marzo de 2016.- Esta tarde celebrouse unha reunión ordinaria da Fundación Expomar, na que se abordaron os contidos que centrarán as XXIII Xornadas Técnicas Expomar 2016, que terán lugar os días 12 e 13 de maio. A política común de pesca, no ecuador do camiño e Pesca responsable, pesca de futuro son os títulos das dúas mesas que se desenvolverán eses días, segundo acaba de dar a coñecer o presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano.

Llano explicou que “as Xornadas Técnicas de Expomar 2016, que entran na 23 edición. A primeira mesa terá como título A política común de pesca, no ecuador do camiño. Será o día 12 de maio a partir das 16:30 horas. Aí abordaremos asuntos como os descartes na política común de pesca, tamén se vai falar do fondo europeo marítimo pesqueiro, do programa operativo español e desenvolvemento nas comunidades autónomas. Son temas moi importantes a abordar polo sector. Agardamos que haxa moita participación porque os temas son moi actuais”.

O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela relatou que “a segunda mesa, que será o 13 de maio ás 16:00 horas, vai versar sobre Pesca do futuro, pesca responsable. Os temas que se analizarán serán a situación dos stocks e problemáticas esperables no futuro marco do novo paradigma da ordenación dos grandes peláxicos, a pesca responsable e as alertas alimentarias e sanitarias. Hai que pensar que agora mesmo é unha cuestión preocupante a calidade do peixe, onde se pesca, como se pesca, a contaminación dos mares e como pode influír na calidade do peixe. Debe preocuparse ademais do sector quen consume ese peixe. E outro tema que imos ver ese día é o código de conduta de pesca responsable, análise e visión do sector pesqueiro e tamén se falará das certificacións”.

Para Alfredo Llano “os temas son moi importantes para o sector, tanto para aquela xente que pesca, para o que consume, para o que merca e para o que exporta. A grande cantidade de temas que se abordarán eses dous días son de moito interese para o sector e recollen toda a súa preocupación”.

A Fundación Expomar contará para a inauguración das Xornadas Técnicas de Pesca coa participación dun representante da Xunta de Galicia e para a clausura coa Deputación Provincial de Lugo. A cita desenvolverase na confraría de pescadores San Juan Bautista.

O 13 de maio tamén se celebrará o XVII Encontro Empresarial das Organizacións Pesqueiras. “Ás 13:30 horas desa xornada presentaranse diante dos medios de comunicación as conclusións ás que chegaron durante o intenso día de traballo e de análise”, engadiu o presidente da Fundación Expomar.

Exit mobile version