Site icon Crónica3.com A Mariña

Avarentos e incompetentes

CADERNOS DA VIAXE. Pois o da Europa dos Estados rematou por ser a máxima expresión de todos os defectos dos malos políticos: a burremia, a incompetencia, a covardía, a roñería…. E, claro, estes defectos aparentemente comúns producen o efecto que ven de denunciar Manolo Rivas: que o partido da inhumanidade lle vaia gañando ao partido da humanidade.

Tomo os adxectivos “avarentos” e “incompetentes” doutra opinión contrastada e valiosa, a do profesor Antón Losada. Porque o acordo entre a Unión Europea e Turquia, vixente dende o domingo 20 para devolver os refuxiados ao país euroasiático, é inhumano. Velaí a opinión das máis acreditadas ONG: ACNUR, Intermon Oxfam ou Amnesty International. Mais tamén é un acordo propio de incompetentes. Con 550 millóns de habitantes Europa ten capacidade para acoller moitos máis refuxiados. O que compre é organIzación, vontade política, sentido de Estado e eficiencia. Trátase, ademáis, de persoas pertencentes ás capas medias da poboación siria e iraquí cun grao de formación medio a medio alto. Arrequecerían substancialmente unha Europa demográfica e intelectualmente minguante. Que incompetentes e que avarentos!

O terrorismo islamista na Europa é cousa de europeos, persoas nadas aquí. Os refuxiados son totalmente alleos a esta cuestión. E haberían ser os Gobernos europeos os que informaran a xeito. Claro é que estes Gobernos de incompetentes non son quén nin de coordinar as súas centrais policiais e axencias de información e seguranza. Europa será doada vítima do islamismo se non se avanza, de vez, cara á diplomacia e defensa únicas europeas. E cara esa coordinación policial e da espionaxe e contraespionaxe que resulta obrigada.

Mágoa da ollar cara o Goberno de calquera Estado europeo. U-lo Vaclav Havel, Willy Brandt, Olof Palme ou mesmo Guy Verhofstadt de hoxendía? Só en países nos que sobrancean partidos moi vencellados aos problemas da cidadanía e á gobernanza de proximidade (Islandia, Escocia, Euskadi…) atopamos unha first minister escocesa Nicola Sturgeon, un lehendakari vasco Iñigo Urkullu… Excepcións de carne e óso aos avarentos e incompetentes.

E así nos vai. Pechando Europa á humanidade. Pechando Europa ao coñecemento. E abríndoa ao terrorismo islamista. Coa súa roñería de avarentos. Coa súa burremia de incompetentes.

Exit mobile version