Site icon Crónica3.com A Mariña

Culpar o mestre armeiro

É a lóxica dos acontecementos. Botar terra ou sacarse o problema de encima é como fan moita xentiña para resolver os problemas molestos. Si pecho os ollos non o vexo, si o cúlto detrás da cortina, tampouco, pero aí queda, segue medrando no seu ata que xa non cabe dentro e estala.

A horrible forma de afastar da vista europea aos refuxiados das guerras de Oriente Medio, vai ser o detonante de males imparables. Da orixe da situación actual pódese culpar a Inglaterra e Francia pola división artificiosa que fixeron das súas colonias ao repartirse o territorio do antigo imperio Otomán e querer aloxar a, o que se convertería na besta negra da zona, Israel, co fin de dar saída ao pobo xudeu masacrado no holocausto nazi. Pódese culpar ao imperialismo de factura USA, que quere petróleo barato para que os seus cidadáns vivan ben, control de zonas xeopolíticas estratéxicas para o seu comercio, e clientes compradores de armamento. Pódese culpar aos xeques árabes que dilapidan sen mirar ao seu pobo, e pódese culpar ao Islam como aglutinante fronte ao exterior e causante das guerras intestinas, entre suníes e chiíes, na súa propio interior. Pódese culpar ao mestre armeiro que pasaba por alí, pero aquí pasou o de sempre, que morreron catro romans e cinco cartaxineses.

Tanto observador mundial, tanto encontro secreto dos donos do futuro do mundo, tanta sustancia gris en tanto cerebro engreído, para levarnos a unha conflagración mundial, outra, a terceira en cen anos. E é que a economía parouse porque as máquinas, outra vez, substitúen aos homes e non fomos capaces de inventar novas formas de adaptación ao progreso. O Petróleo xa non é o ouro negro, a moitos se lles acaba o chollo e desesperan. En EEUU, Donald Trump é a peza perfecta para prender a mecha de conflitos bélicos por todas as partes. Putin non se quedará atrás porque Rusia non despega e alguén ten que ter a culpa. África cánsase de ser a mina do mundo. En China teñen que comer todos os días 1.400 millóns de xentes. Turquía non se vai a tragar o marrón polas boas. Os criticos europeos están a piques de estalar. A fame, as poboacións desprazadas e o instinto de supervivencia suman o resto. Onde non hai orde ponse só.

Otero Regal.

Exit mobile version