Parece que eses tempos son idos e a inmensa riqueza da nosa literatura oral vai sendo recollida por diversos autores –aquí na Mariña temos traballando dende hai tempo a Antonio Reigosa neste labor– para que fique na nosa memoria e poidamos seguir gozando dela, pero o contexto no que naceu e que lle daba sentido, esa cultura popular da que é filla e nai, vai esmorecendo.
Porén, hai unha cousa que non esmorece nin desaparece nin o fará mentres o ser humano continúe baixo o manto do ceo: a súa necesidade de contar e de escoitar historias, boas historias que lle permitan descubrirse a si mesmo e orientarse no complexo mundo das relacións entre persoas e con todo o que o rodea. Os libros foron substituíndo os contadores, e as autoras e autores individuais ao pobo creador, pero as historias seguen, fórmannos, confórmannos, necesitámolas, e particularmente as necesitan as pícaras e pícaros que están abrindo os ollos ao mundo e intentando comprendelo e facerse idea do seu lugar nel.
O día 2 de abril celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Unha data para recordar isto, para asegurármonos de que os nosos cativos seguen a escoitar boas historias, que lles achegamos libros á súa man que paga a pena ler, que lles lemos as historias que a nós nos gustan para eles, aínda que xa sexan maiorciños e poidan tamén ler outras por si mesmos, para que que os nosos nenos e nenas sigan rodeados de literatura contada con amor, coma antes, coma sempre.