Site icon Crónica3.com A Mariña

Dobre xornada para o Balonmán Galipizza Viveiro

O primeiro equipo do Balonmán Galipizza Viveiro terá unha fin de semana de máxima exixencia previa ao parón de Semana Santa. Os pupilos de Javi Villares mediranse o sábado en Viveiro ao Pabellón Ourense (Municipal, 18:30 horas) e o domingo visitarán ao Camariñas (pavillón de Ponte do Porto, 12:30 horas), en encontro pertencente á undécima xornada -última da primeira volta- que fora adiado no seu día polo estado esvaradío da pista do pavillón do equipo da Costa da Morte.

Para afrontar estes dous choques, o xogador-adestrador viveirés contará novamente con moitas baixas, aínda que afortunadamente poderá volver botar man do porteiro Suso e dos primeiras liñas David Rodríguez e Ignacio, que regresan tralas súas respectivas lesións. Estes dous últimos reincorpóranse á rotación logo de perderse ambos máis de dous meses de competición.

Para o sábado, onde se medirán a un conxunto ourensán que é sexto con 19 puntos, Javi Villares contará coas xa habituais baixas de Andrés, Pastor e José Labaén. Ademais, non poderá botar man de todos os xuvenís, xa que xogarán á mesma hora no pavillón vigués das Travesas diante do Octavio.

Mentres tanto, para render visita a un Camariñas que viaxa de terceiro clasificado na Primeira Autonómica (24 puntos), a estas tres baixas uniranse as de Champi, Mariño, Marco Fernández e Sanjurjo. Polo tanto, só terá nove séniors á súa disposición, dos cales dous serán porteiros e outros dous estarán aínda con moi pouco ritmo. Neste caso, si poderá completar a convocatoria coa participación dos xogadores do conxunto xuvenil, aínda que para estes será o seu terceiro partido da fin de semana.

Deste xeito, o obxectivo do conxunto viveirés é tentar de sumar a súa segunda vitoria como local o sábado e competir da mellor maneira posible o domingo en Camariñas diante dun equipo que perdeu comba na loita por entrar no sector de ascenso nas últimas xornadas e que o día antes recibirá ao colista, o Balonmán Chapela B.

Exit mobile version