Burela, 16 de marzo de 2016.- Dous técnicos do Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar visitaron este mércores a nova escola infantil de Burela para coñecer e supervisar as obras pendentes. O alcalde, Alfredo Llano, asegurou que o obxectivo das dúas administracións pasa por abrir a gardería o vindeiro curso.
O rexedor contou que “tivemos a visita de dous técnicos do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar para mirar temas relativos á escola infantil. Tamén estiveron os nosos técnicos con eles para valorar en conxunto as necesidades de cara a poñer en funcionamento o antes posible ese centro. A intención do Concello e tamén a do Consorcio é que a partir do mes de setembro estea funcionando”.
Llano explicou que “hoxe o que se fixo foi unha previsión das obras que hai que acometer, que consisten basicamente na construción dun muro que peche na escola infantil, o que hai que facer xa. Tamén é necesario realizar un nivelado da zona que consideramos que vai ser destinada a patio para xogos, no baixo do edificio. Despois tamén hai que canalizar as augas pluviais e residuais para levalas ata a rede de saneamento de Burela. Ademais hai que poñer a luz, xa falamos cos electricistas e van facer a valoración o antes posible”.
O alcalde burelés considera que “esta semana, unha vez revisado e analizado o que hai que acometer, se dea un valor económico; e cando teñamos esa cifra vamos tratar de enfocalo para ver como repartimos os gastos para que o Consorcio asuma a súa parte e nosoutros a nosa. A única intención é rematar xa as obras para comezar a utilizar a escola infantil, se pode ser en setembro mellor. Nós deixamos xa nos orzamentos municipais unha cantidade que consideramos suficiente para que a parte do Concello estea garantida. E agora haberá que ver a parte que lle corresponde ao Consorcio, o que se fará en conxunto cos técnicos e cos economistas para saber o custe das obras e tratar de acometelas o antes posible”.