“Hai que recuperar, manter e transmitir a memoria histórica, porque comézase polo esquecemento e remátase pola indiferenza.”.- José Saramago
O día 1 de decembro do ano 1955, en Montgomery, no estado de Alabama, non foi un día máis; Rosa Louise McCauley (de casada Rosa Parks) decidiu non ceder o asento a un home branco e desprazarse á parte traseira do autobús, ipso facto foi encarcerada baixo a acusación de ter perturbado a orde pública.
Os caprichosos designios do destino quixeron converter a Rosa en abandeirado vivo da loita polos dereitos civís, “a primeira dama dos dereitos civís”; tan humán e ao mesmo tempo tan errado como querer persoalizar o que é, e será, patrimonio colectivo: xa dez anos antes a Asociación Nacional para o Progreso das Persoas de Cor proporcionaba apoio institucional e asistencia legal a Irene Morgan por idénticos feitos.
Xa di o refrán que o Miño leva a fama e o Sil a auga, aínda que a insubordinación de Rosa Parks ou Irene Morgan non tiñan ao recoñecemento por lei motiv –daquela a rebeldía pagábase, no mellor dos casos, con cárcere-.
Por fortuna nos nosos tempos non existe a segregación racial, nin a discriminación por motivos étnicos, relixiosos ou ideolóxicos… asemella que tal afirmación rebenta por todas as súas costuras cando pensamos en Milagro Sala: pasado máis de medio século dende os incidentes de Alabama séguese a privar de liberdade a mulleres pola súa condición de indíxena que loita polos dereitos dos esquecidos.
Aquí, preto de nós, ao carón mesmo, temos milleiros de exemplos de mulleres que foron nais perennes, guerrilleiras, guerrilleiras, guerrilleiras, gerrilleiras, guerrilleiras e guerrilleiras inquebrantables, campesiñas, gandeiras, mariñeiras, costureiras, mestras, enfermeiras, médicas, enxeñeiras… – estas últimas nun tempo no que os traballos cualificados non requirían de “titulación académica oficial homologada”, pero si da máxima pericia e adicación, da mellor das intuicións e sobre todo da máis alta sensibilidade e humanidade-.
Finalmente onte leía que, entre os 30.000 desaparecidos entre os anos 1976 a 1983 na nosa curmá Arxentina, había tres mariñáns: Graciela Daleo de Cervo, Eduardo Delfino de San Cibrao e Casariego de Bel de Ribadeo. Mentres que Eduardo e Casariego nunca volveron a aprecer Graciela Daleo sobreviviu á dictadura:
Graciela era, por aquel entón, militante montonera. Foi secuestrada en outubro de 1977 na estación de Acoyte do metro de Bos Aires e recluída na Escola Mecánica da Armada entre 1977 e 1979. Ó acadar ser posta en liberdade Graciela exiliouse en Italia e España; caprichos do azar que quixeron que o pai de Graciela buscase cobixo á dictadura española na Arxentina e esta tivera que atopalo no país de seu pai fuxindo de Videla.
Hoxe é a responsable da Cátedra de Dereitos Humanos na universidade de Bos Aires e foi unha das testemuñas de cargo contra os militares arxentinos na causa aberta pola Audiencia Nacional e enxuizada por Baltasar Garzón.