Lugo, 1 de marzo de 2016.- A deputada autonómica e tenente de alcalde de Friol, Isabel García Pacín, fai público este martes o seu apoio á candidatura de Elena Candia á presidencia do Partido Popular de Lugo. A popular di da mindoniense que “responde ao perfil dun político actual e modélico” na defensa dos intereses dos votantes, que “depositaron e depositan a confianza na súa xestión tanto no goberno como na oposición”.
A voceira de Medio Rural e vicepresidenta da Comisión de Economía no Parlamento de Galicia asegura que son “varios” os factores que xustifican a súa decisión de apoiar a candidatura de Candia, “cando o máis doado, sería posicionarse dun xeito neutral, ante un congreso do que ten que saír unha fusión que faga forte ao PP de Lugo”.
A tamén edil delegada de Asuntos Sociais e Voceira do Grupo Municipal do PP no Concello de Friol resalta a capacidade de liderado da mindoniense, da que di que “mantén ao PP, alí onde participa a súa voz, como forza política decisoria”. Ademais de “ter criterio propio, xa que en política ademais de liderado, débese convencer ao contrario con feitos, ademais das actitudes”, engade.
García Pacín ve en Candia “unha persoa de consenso e dialogante, que defende o criterio adoptado despois de escoitar as propostas dos equipos nos que participa”. “Ao longo da súa traxectoria política sempre sumou, sempre escoitando con humildade, o que lle permite ter experiencia política e capacidade de traballo dabondo para encarar a Presidencia do PP de Lugo con enerxía e sen defraudar”, matiza.
Por último, a deputada considera que a ex presidenta da Deputación “defende vehementemente os argumentos políticos da ideoloxía que compartimos” e transmite “firmeza” e “seguridade” no seu discurso, baseado en “contidos coherentes coa traxectoria dos últimos anos do Partido Popular de Lugo, sempre innovando e adaptándose ás novas realidades da política provincial”.