Site icon Crónica3.com A Mariña

Locais hostaleiros e oficina de turismo de Barreiros disporán esta Semana Santa de pases de acceso ás Catedrais

Barreiros, 17 de marzo de 2016.- Os locais hostaleiros e a oficina de turismo de Barreiros disporán esta Semana Santa de pases de acceso á praia das Catedrais para que ninguén quede sen visitar ese areal ribadense. O alcalde, Alfonso Fuente Parga, sinala que Barreiros toma esta decisión, xa que nin Xunta nin Concello de Ribadeo se encargarán desa tarefa a pé de praia, aínda que si o fixeron o pasado verán.

O alcalde manifestou que “desde o Concello de Barreiros para a Semana Santa, tendo en conta que este municipio é turístico e que recibimos moitísimos visitantes sobre todo na Semana Santa xente que ao mellor despois se anima a vir polo verán, que ao mellor nunca estivo aquí e decide vir coñecer esta zona, dado que a praia das Catedrais tira moito aínda que está no concello de Ribadeo. No momento en que tivemos coñecemento de que tanto o persoal que pon a Xunta alí como o propio Concello de Ribadeo non van colaborar en sacar eses pases para aquela xente que chegue alí sen eles, o que fixemos foi poñernos en contacto con todos os locais de hostalería de Barreiros para que faciliten esa labor a calquera turista que queira visitar esa praia poida facelo”.

Alfonso Fuente engadiu: “sabemos que é unha praia que dado que está protexida necesítase ese pase para poder acceder a ela e entonces toda aquela xente que chegue e que por descoñecemento non sabe que hai que sacar o pase poida acercarse a calquera local de hostalería de Barreiros onde van colaborar sacando eses pases. Tamén a Oficina de Turismo do Concello de Barreiros vai permanecer aberta estes catro días, xoves, venres, sábado e domingo. Xoves e venres en horario de 10:00 a 14:00 horas, e sábado e domingo de 10:00 a 12:00 horas coincidindo coa horas de marea baixa”.

Finalmente o rexedor barreirense subliñou que “eu creo que, independentemente de que esa praia estea no concello de Ribadeo, temos que colaborar. É un motor importante para o turismo e o que queremos é que a xente que veña nesta Semana Santa aquí A Mariña se sinta cómoda e non se marche sen poder ver ese espazo que é moi bonito. Ao mesmo tempo que tamén os invitamos a gozar de tódalas praias de Barreiros, deses oito quilómetros de areais que temos aquí. A previsión meteorolóxica a verdade é que de momento non é moi boa, pero si ven un pouco de sol que poidan gozar de toda a nosa costa”.

Exit mobile version