Araújo era home xeneroso, altruista, desprendido: sempre a súa simpatía e humor, as cancións e o acordeón, seu instrumento mais característico, estaban, de forma desinteresada, ó dispor de toda iniciativa solidaria, evidencia da que este cronista foi, durante moitos anos, testemuña.
Por un casual descubrimos unha faceta dél que descoñecíamos: unha tarde en que accedimos ó salón do casino atopamos ó artista sentado ó piano e un grupo de rapaciñas ás que impartía crases de ballet: o noso amigo era, tamén!, mestre de bailaríns de danza clásica… Das cancións escritas e musicadas por él, traemos na memoria, dende hai mais de meio século, o fermoso bolero: “Por qué ha de ser que siempre la nostalgia / ponga en la despedida un velo de dolor/ Por qué ha de ser si sé que con la ausencia/no queda ya en la vida lugar para el amor…”.
Polos anos 50 Araújo e a súa orquestra acadaron a maior popularidade, mercede ás actuacións en Radio Nacional na Coruña, emisora da que era director Enrique Mariñas, nome de grande prestixio no mundo radiofónico.
No veràn do ano 60 estivo en Foz Andrés Piquero, director da banda de música de Avila que compuxo un “himno a Foz”. A primeira agrupación musical en interpretalo foi, dous anos depois, a orquestra “Royalty”, unha noite que amenizaba o baile na Peña da Rapadoira.Do feito dase conta no Nº 5 da revista do mesmo nome, de xullo do 62, que se editaba en Foz na que Araújo da a súa opinión de experto sobre o Himno de Piquero.
Estamos seguros que a homenaxe á memoria do artista, que foi ata o pasamento amigo entrañable do que suscribe, será un éxito; pero moi ó noso pesar, e aínda que os actores participantes no mesmo son todos tamén vellos amigos, faltará á cita; alí estará o seu espírito; estade seguras, Nélida e Raquel, e cantas persoas vos acompañen na lembranza garimosa de Manolo Araújo, personaxe non doado de esquecer.