Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela agarda que as obras de acceso ao porto rematen en xullo

Burela, 9 de marzo 2016. As obras de acceso ao porto poderían estar rematadas no vindeiro mes de xullo, segundo asegurou este mércores o alcalde, Alfredo Llano, que hai uns días visitaba a zona. No paseo do Cantiño construirase un miradoiro e tamén se vai facilitar o acceso para poder ver os restos do hipocausto romano, localizado hai anos nesa zona.

O rexedor contou que “tiven ocasión de ir visitar a finais da semana pasada o acceso ao porto e estiven alí con técnicos responsables da obra. Estivémola vendo e agora mesmo leva visos de quedar xa rematada inmediatamente. Parece ser que todo indica que de cara ao mes de xullo pode estar completamente rematado o acceso salvo que aparezan cousas que o impidan”.

Alfredo Llano engadiu que “déronse problemas relativos a brotes de caolín, houbo derrubes e cambios de vía e todo iso no seu conxunto evidentemente vai motivando que dure máis esta obra. Pero agora si que está perfilada xa, está realmente moi ben delimitada, xa se ve claramente por onde pasa e o que ocupa. Estase rematando unha ponte e unha vez rematada esa ponte xa se volve colocar a vía encima e xa a cousa vai moito máis apurada”.

O rexedor burelés sinalou que “estivemos falando tamén do tema do paseo marítimo do Cantiño, que agora está un pouco condicionado pola obra, pero vai quedar ben ao final. Vai estar perfectamente marcado e seguro, de tal xeito que non haxa problemas para os que queiran andar por ese camiño tanto con respecto ao tren de Feve como ao acantilado que pode quedar derivado da obra. Vai estar todo ben protexido e ben amañado para que o paseo sexa atractivo e motivador para que a xente ande por unha ruta que cremos que é moi bonita”.

Alfredo Llano anunciou que “vamos facer un miradoiro a uns cen ou douscentos metros de onde comeza para que a xente poida gozar e ser un atractivo máis para Burela de achegarse ata ese punto e contemplar dunha maneira extraordinaria o que é o noso porto e unha visión global de todo o mar, así como as proximidades de Ribadeo, de Foz e Tapia”.
O alcalde considera que “vai ser unha marabilla se chegamos facer o que queremos. É unha obra para favorecer unha visión global de do mar e do porto e iso sería extraordinario”. Tamén se acondicionará un acceso para poder ver os restos do hipocausto romano, que foi localizado nesa zona hai anos.

Alfredo Llano dixo: “imos contar que todo vaia avanzando segundo o previsto e que se remate o antes posible porque iso sería unha vantaxe clara para o noso porto e para a modificación de certas rúas con respecto ao tráfico viario, co que traería vantaxes en xeral para todo o mundo”.

Exit mobile version