Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG-AA de Cervo defenderá cunha moción a demanda social para crear unha praia e un parque de uso canino no concello apoiada por mais de 1.600 persoas

Cervo, 28 de marzo de 2016.- O BNG – ASEMBLEAS ABERTAS en Cervo, defenderá no punto oitavo do pleno municipal a celebrar este xoves ás 19:00 hrs. unha iniciativa veciñal apoiada por mais de 1.600 sinaturas rexistradas no concello para habilitar unha praia do concello e un parque para uso canino. Para a formación nacionalista “é evidente a ampla demanda social existente e o concello de Cervo conta con recursos e posibilidades para levala adiante polo que agardan o apoio do conxunto da corporación para que sexa unha realidade coa maior brevidade posíbel”.

A formación nacionalista trasladou ao terreo institucional a demanda veciñal rexistrada no concello o pasado 27 de xaneiro para que Cervo conte con estes espazos, cada día mais demandados pola sociedade, no caso do noso concello verificado polo amplo apoio obtido pola iniciativa veciñal presentada.

O portavoz municipal nacionalista, Luís Bernardo Insua, explicou que “o concello conta con espazos sobrados para estas instalacións sen que isto supoña molestias a persoas ás que non gusten os cans polo que isto non debera ser un problema” e engadiu que “o investimento a facer non debera representar un problema por non ser dunha contía excesiva e pola contra, a oferta deste tipo de instalacións permitirá ao concello presentar esta oferta, tanto á veciñanza como a visitantes e turismo, como un atractivo mais do noso concello”.

Para o BNG – ASEMBLEAS ABERTAS “o goberno municipal non pode facer ouvidos xordos ante a presentación de iniciativas populares como esta que deben respectarse, sexa cal sexa a petición cando hai un número tan elevado de sinaturas apoiando, deben ter unha contestación de maneira obrigada”.

Por último, a formación nacionalista convidou a asistir ao pleno que se celebrará este xoves 31 de marzo ás 19:00 na Casa do Concello. As persoas interesadas en seguir o debate sobre esta iniciativa teñan en conta que será o punto oitavo da orde do día.

Exit mobile version